Preto de 1.500 persoas incorpóranse á bolsa de emprego temporal para traballar na Xunta de Galicia

As listaxes entrarán en vigor a partir de mañá xoves

Das 1.481 solicitudes admitidas, 1.076 son para a contratación de persoal laboral temporal e 405 para interinos
 

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2017
  • whatsapp

A bolsa de emprego temporal para traballar na Xunta de Galicia vén de incorporar 1.481 novas persoas admitidas, segundo figura nas listas para o desempeño transitorio de postos de persoal funcionario e para a contratación temporal de persoal laboral, publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Das case 1.500 solicitudes admitidas, 405 correspóndense con listas elaboradas para o nomeamento de funcionarios interinos dos distintos corpos, escalas e especialidades da Comunidade Autónoma de Galicia, e as outras 1.076 con listas abertas para a contratación de persoal laboral temporal en distintas categorías profesionais.

No que se refire ás listaxes destinadas á cobertura temporal de postos de traballo mediante o nomeamento de persoal funcionario interino, o maior número de persoas admitidas (143) concentrouse na lista para realizar substitucións no corpo auxiliar (subgrupo C2).

Por outra parte, as listas para a contratación de persoal laboral cun maior número de solicitudes admitidas foron as de auxiliar sanitario (grupo IV-003), con 500 novas persoas inscritas, e a de axudantes técnicos sanitarios (grupo II-002), con 136 persoas.

A orde na que aparecerán os aspirantes nas listas dependerá fundamentalmente do esforzo realizado e da experiencia, e dicir que se situarán nos primeiros postos de contratación aqueles que obtiveran as maiores puntuacións en oposicións convocadas pola Xunta e que demostren maior experiencia profesional adquirida por contratos anteriores.

Consultas

 

As listaxes entrarán en vigor mañá e poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta, http://funcionpublica.xunta.gal, no apartado de listas de contratación, así como no servizo de atención e información á cidadanía a través do teléfono 012, no servizo de información dos edificios administrativos e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia.
 

Data de actualización: 20/12/2017