A Xunta apoia un programa integrado de emprego para mellorar as oportunidades laborais de 85 persoas xordas

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asistiu hoxe en Pontevedra á presentación deste plan e á clausura dunha actuación similar, desenvolvida tamén pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia e Santiago (FAXPG)

O programa integrado de emprego que vén de rematar acadou a inserción laboral de 76 dos 120 alumnos que participaron, todos eles con discapacidade auditiva

A Xunta apoia este ano a máis de 4.000 desempregados a través de 52 programas integrados nos que por primeira vez se inclúen accións específicas para mulleres

Marnotes salienta a aposta da Xunta polo emprego inclusivo e explica que os programas integrados céntranse en incrementar as oportunidades laborais a través da especialización e a posta en marcha de medidas que combinan orientación e asesoramento con formación e prácticas
 

Pontevedra, 20 de decembro de 2017
  • whatsapp

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asistiu hoxe en Pontevedra á clausura do programa integrado de emprego, que desenvolve a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia e Santiago (FAXPG), co apoio da Xunta, e á presentación dun novo plan no que participarán 85 persoas con discapacidade auditiva de toda Galicia das que se prevé, como mínimo, a inserción laboral do 40%.

Os programas integrados de emprego financiados pola Administración autonómica, que teñen uno ano de duración, están enfocados a mellorar a ocupación dos desempregados establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 30% dos seus participantes. Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais. Neste caso, os alumnos e alumnas levarán a cabo técnicas para mellorar a busca de emprego e a realización de entrevistas de traballo, ao tempo que desenvolverán accións de innovación comunicativa e de promoción do emprendemento.

No programa que se desenvolveu ao longo deste ano e que hoxe se clausurou, participaron 120 persoas con discapacidade auditiva de toda Galicia das que 76 atoparon un emprego, é dicir, máis dun 60% dos alumnos. A través desta actuación, que tamén contou co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, os alumnos empregáronse en empresas como o Hotel Eurostar de Pontevedra; Gadisa e Carrefour, en Lugo e A Coruña; Galfor, en Ourense; Inditex, en Narón; ou en servizos de limpeza integral no aeroporto de Vigo, colexios e outros centros.

Marnotes salientou a aposta da Xunta polo emprego inclusivo destacando a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas galegas para competir, crecer e xerar emprego. Neste senso, puxo en valor a cooperación entre a Xunta e as entidades que traballan cos colectivos máis vulnerables para levar a cabo accións conxuntas co obxectivo de acadar unha verdadeira integración laboral das persoas con máis dificultades para atopar un emprego.

Entre as ferramentas que a Administración autonómica desenvolve neste campo, o director xeral de Orientación e Promoción Laboral resaltou precisamente os programas integrados de emprego. A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca cada ano axudas para apoiar aos concellos e entidades sen ánimo de lucro para a súa realización. Deste xeito, este ano estanse poñendo en marcha en Galicia 52 plans deste tipo nos que a Xunta investirá 9,5 millóns de euros, un 40% máis que na pasada edición, para incrementar as oportunidades laborais de 4.420 persoas sen emprego, 985 máis que na convocatoria anterior.

Aposta polas mulleres

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria inclúe por primeira vez a reserva dunha porcentaxe do orzamento para o desenvolvemento de plans específicos para as mulleres. En concreto, destínanse dous millóns de euros a esta actuación que permite activar unha das medidas do plan Emprega en feminino, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar a inserción das mulleres no mercado de traballo. 765 mulleres participarán en plans específicos para elas.

Dos 52 programas integrados, un total de 25 terán lugar en concellos e os 27 restantes en entidades sen ánimo de lucro, como é o caso do que se presentou hoxe por parte da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia e Santiago. Como novidade este ano, a Xunta primou a aqueles proxectos nos que está implicado o tecido empresarial de cada zona co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca.

A actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o traballo estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de, polo menos, 80.000 novos empregos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/12/2017