A Xunta destina máis de 400.000 euros para favorecer a contratación de 42 traballadores desempregados en Monforte de Lemos

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o obradoiro de emprego Cobas Xuvenil, que realiza labores de acondicionamento medioambiental

Monforte de Lemos (Lugo), 21 de decembro de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 402.200 euros a financiar a contratación de 42 traballadores desempregados que reforzan os servizos do concello de Monforte de Lemos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o obradoiro de emprego Cobas Xuvenil, que realiza labores de acondicionamento do entorno do rio Cabe ó seu paso polas zonas de Cobas e A Pinguela, así como do entorno dunha pequena laguna no municipio de Monforte de Lemos. Esta iniciativa está promovida polo Concello de Monforte e financiada pola Consellería con máis de 140.000 euros.

No obradoiro participan 15 alumnos traballadores, seleccionados de entre persoas en situación de desemprego menores de 30 anos. Todos eles perciben un salario ao tempo que reciben formación teórica e práctica: sete na especialidade de carpintaría e moble e oito na de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Ademais, contratáronse dous monitores, un director e un administrador.

Balseiro sinalou que os obradoiros de emprego “son unha das principais apostas da Xunta no marco das políticas activas de emprego, dado que é unha fórmula que procura formación e experiencia laboral para os participantes, e redunda en beneficio da entidade promotora, realizando obras ou servizos de interese xeral”.

Así mesmo, engadiu o delegado, “a Consellería tamén apoia a contratación por parte do concello monfortino de 20 persoas que estaban percibindo a renda de integración social de Galicia”, un programa “que busca un resultado social tanto como económico, ao ofrecer unha oportunidade de incorporación ao mercado laboral a persoas con necesidades especiais, que nalgúns casos están en risco de exclusión”. O investimento nesta actuación alcanza case os 234.000 euros.

Igualmente, a Xunta propicia a contratación de dous peóns a través dos programas de cooperación e dun axente de emprego e desenvolvemento local, con achegas que suman 19.400 euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/12/2017