O informe final do Programa de Vixilancia Sanitaria de Zonas de Baño 2017 reflicte unha tendencia á mellora na calidade das augas cada ano

O 80,8% da auga das zonas de baño en Galicia obtivo unha clasificación sanitaria excelente durante esta tempada, fronte ao 73,9% do 2016

A vixilancia e control sanitario tivo lugar no 100% das zonas de baño censadas e o cumprimento do programa foi axeitado cun índice de produción de mostraxes do 99,9%
 

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presentou ao Consello da Xunta o informe final do Programa de Vixilancia Sanitaria das Zonas de Baño de Galicia 2017. En xeral, obsérvase unha tendencia á mellora na calidade das augas de baño cada ano ao aumentar a porcentaxe de praias con clasificación sanitaria excelente e diminuír aquelas con clasificación sanitaria insuficiente.

Dos 506 puntos de mostraxe das zonas de baño incluídas no censo oficial o 80,8 % obtivo unha clasificación sanitaria excelente, o 11,7 % destes obtiveron unha clasificación boa, o 5,1 % unha clasificación suficiente e o 2,4 % unha clasificación insuficiente. Así, queda reflectido en relación co ano 2016, cando o 73,9% obtiveron unha cualificación de excelente, o 15,4% boa, o 6,1% suficiente, e o 4,6% insuficiente.

No censo da tempada 2017 figuran un total de 486 zonas de baño con 506 puntos de mostraxe que se atopan en 115 concellos da Comunidade Autónoma galega. A vixilancia sanitaria tivo lugar no 100% dos puntos de mostraxe censados e realizáronse o 99,9% dos controis programados. Todos os episodios de contaminación foron comunicados aos concellos implicados, segundo a lexislación vixente, os concellos deben fomentar urxentemente o establecemento de actuacións para mellorar a calidade da auga das zonas de baño con clasificación sanitaria insuficiente.

A vixilancia sanitaria das zonas de baño é importante porque o uso recreativo das augas de baño pode ter perigos e riscos para a saúde dos usuarios. A contaminación bacteriana pode provocar gastroenterite ou enfermidades respiratorias nas persoas que se bañen en augas contaminadas. Aínda que estas enfermidades raramente son graves, o número de persoas expostas pode ser elevado debido á importante tradición que existe en Galicia no uso das augas de baño.

Metodoloxía do programa

En primeiro lugar, elabórase un censo oficial de zonas de baño para cada tempada, que se establece con carácter xeral desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro. A vixilancia sanitaria realízase mediante a mostraxe periódica da auga desas zonas. Recóllense en total 10 mostras de cada zona de baño, unha antes do inicio da tempada e as nove restantes ao longo desta cunha periodicidade aproximadamente quincenal.

Nas mostras de auga analízanse os parámetros microbiolóxicos enterococos intestinais e Escherichia coli. Ao final da tempada, cos resultados obtidos calculouse a clasificación sanitaria de cada zona de baño mediante o sistema descrito na Directiva 2006/7/CE.

Tamén se leva a cabo a xestión do risco polo afloramento de cianobacterias nos encoros con zonas de baño en coordinación coas administracións competentes. Esta tempada fíxose un seguimento intensivo nos encoros de Peares, Prada e As Conchas e non se detectaron afloramentos.

Desde o inicio da tempada, informouse da clasificación sanitaria das augas de baño e dos resultados microbiolóxicos obtidos nas mostraxes na páxina web da Dirección Xeral de Saúde Pública. Ao final da tempada, os valores microbiolóxicos foron introducidos no sistema de información nacional de augas de baño (Náyade), que pode consultar toda a poboación a través do acceso ao cidadán. A clasificación sanitaria final de cada zona de baño, publícase tamén na páxina web da dirección xeral. Deste xeito, facilítase que todos os usuarios e usuarias das zonas de baño teñan información suficiente e facilmente dispoñible sobre a calidade das augas de baño.

Nas augas con clasificación sanitaria insuficiente, a autoridade competente velará para que se adopten medidas xestión axeitadas que incluirán a prohibición do baño ou a recomendación de absterse deste para evitar a exposición dos bañistas a contaminación, a determinación das causas e motivos polos que non se acada clasificación suficiente e previr, reducir ou eliminar estas causas ademais da comunicación a poboación desta información. A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, indica no seu artigo 80 que a administración local é a competente no control sanitario do medio natural.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 25/12/2017