Galicia consolídase entre as comunidades que pagan máis rápido aos seus provedores, 16 días antes que a media

O período medio de pago en Galicia baixou en outubro aos 6,1 días

Galicia é a quinta comunidade que mellor paga as súas facturas

A Xunta logrou reducir a débeda comercial un 43% no último ano
 

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2017
  • whatsapp

Galicia pechou o mes de outubro entre as comunidades autónomas que pagan máis rápido aos seus provedores, ao acabar o mes cun tempo medio de pago 16 días mellor que a media autonómica, segundo mostran os datos oficiais publicados hoxe polo Ministerio de Facenda e Función Pública.


O período medio de pago de Galicia situouse en outubro en 6,10 días, menos da metade que o mes anterior, mentres que a media autonómica foi de 21,98 días, é dicir, 15,9 días máis tarde que en Galicia. O informe elaborado polo ministerio mostra tamén que tres comunidades autónomas incumpriron en outubro o tempo máximo de pago de 30 días que establece a lexislación estatal.

Ademais, Galicia tamén ten mellorado de xeito notable no último ano o tempo de pagamento aos seus provedores. O período de pago en outubro de 2016 era de 18,42 días, o que supón que nun ano se teña reducido a menos da terceira parte.

Deste xeito, Galicia consolídase un mes máis como unha das comunidades que mellor atende aos seus provedores, axilizando os pagos e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Administración galega. En concreto, Galicia é a quinta comunidade –a terceira, excluídas as forais- que paga máis rápido aos seus provedores.


En canto á débeda comercial, a ratio de débeda/PIB de Galicia en outubro situouse no 0,43%, por debaixo da media autonómica (0,47%). Ao mesmo tempo, Galicia conseguiu reducir este indicador un 43% no último ano, ata rebaixala aos 262 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Facenda
Data de actualización: 22/12/2017