Sanidade realiza novas mostras que confirman a ausencia de lindano nos abastecementos do Porriño que non estaban contaminados

Realizáronse 17 en pozos, traídas veciñais e nunha fonte

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Sanidade segue a levar a cabo o control da auga de mananciais e pozos para consumo humano que puideran estar afectados polo lindano no concello do Porriño. Nos últimos quince días realizou novas mostraxes nas que se contrastou o comportamento da auga despois das últimas choivas naqueles nos que se obtiveran resultados favorables.

En total, obtivéronse os resultados de 17 mostras en pozos e traídas, só das recollidas ata o pasado mércores día 20, que confirman a ausencia de lindano. Estas mostras tomáronse naqueles puntos nos que xa inicialmente non se detectara contaminación polo lindano e noutras a petición dos propios particulares, cuxas vivendas nalgúns casos están nas zonas limítrofes da área de estudio inicial. Confirmáronse, deste xeito, novos resultados que indican que non existe afectación nestes puntos. Os días 21 e 22 de decembro realizáronse máis tomas de mostras e seguirase tamén na vindeira semana.

A Consellería de Sanidade, co fin de garantir a salubridade da auga que consumen os veciños, segue a realizar controis periódicos na zona na que se descubriu a presencia de restos de lindano durante a execución dunhas obras na rede de sumidoiros.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 23/12/2017