Medio Ambiente entrega ao concello de Santa Comba novos colectores de envases lixeiros e papel/cartón para incrementar as taxas de reciclaxe deste tipo de residuos

A Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes colaboran nesta iniciativa que ten por obxecto fomentar a reciclaxe e concienciar aos cidadáns da importancia que ten para o medio ambiente separar os envases e depositalos no colector axeitado

Ao longo de 2016 cada galego depositou 10,3 kg no colector amarelo e 13,3 no azul, co que se rexistrou un incremento dun 5,1% e 6,4%, respectivamente
 

Santa Comba (A Coruña), 26 de decembro de 2017
  • whatsapp

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, fixo entrega esta mañá ao Concello de Santa Comba de 35 novos colectores para incrementar as taxas de reciclaxe de envases lixeiros e de papel/cartón (25 de envases lixeiros e 10 de papel/cartón).

Esta é unha das finalidades do acordo establecido entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Ecoembes, organización medioambiental sen ánimo de lucro, para ampliar a rede de puntos de recollida selectiva de envases de plástico, latas e briks (colector amarelo) e de envases de papel e cartón (colector azul) na provincia da Coruña.

En base a esta colaboración, as preto de 40 entidades da provincia da Coruña, contarán con 924 colectores máis, 674 deles de envases lixeiros e os 250 restantes de envases de papel e cartón. É dicir, o parque coruñés de contedores pasará de 16.195 unidades a 17.119, dos cales 12.110 serán amarelos e 5.009 azuis.

Con esta acción ponse de manifesto o importante compromiso, tanto por parte da Administración galega como por Ecoembes, por fomentar a reciclaxe e concienciar aos cidadáns sobre a importancia que ten para o medio ambiente separar os envases e depositalos no colector adecuado.

As cifras da reciclaxe de envases en Galicia

Durante o pasado ano, cada galego depositou 10,3 kg no colector amarelo (envases de plástico, latas e briks) e 13,3 kg no azul (envases de papel e cartón), o que supón un incremento respecto de 2015 do 5,1% e do 6,4%, respectivamente. Desta forma, a comunidade alcanzou a cifra de 56.890 toneladas de envases reciclados en 2016.

Este dato é acorde a un das principais conclusións do Estudo de Hábitos de Reciclaxe dos Españois, elaborado polo Instituto Apolda para Ecoembes, que reflicte como a reciclaxe é un hábito asentado nos domicilios galegos, que contan con 2,6 cubos de media para levar a cabo este labor. O civismo (97%), o sentimento de orgullo por reciclar ben (62,5%) e a maior concienciación xeral da sociedade (39,8%) son as principais motivacións dos cidadáns galegos á hora de separar os seus residuos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/12/2017