O sector do téxtil, a confección e o calzado xera máis de 36.000 postos de traballo e supón o 6,1% do PIB galego

O Instituto Galego de Estatística publica hoxe unha análise sobre esta actividade

Este informe forma parte da serie iniciada en 2013 coa cadea forestal-madeira, e que continuou coa automoción, a pesca, o sector cultural e o sector do transporte

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2017
  • whatsapp

O sector do téxtil, a confección e o calzado xera 36.162 postos de traballo en Galicia e representa o 6,1% do Produto Interior Bruto (PIB) da Comunidade Autónoma, segundo reflicte un estudo sobre esta actividade realizado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e publicado hoxe.

O informe aborda as dúas ramas de actividade que conforman o subsector industrial e establece unha comparativa do subsector comercial dedicado ao téxtil, a confección e o calzado co total do sector comercial galego.

No 2015 había en Galicia 1.372 empresas que operaban no subsector industrial. Delas, 325 tiñan como principal actividade a industria téxtil, e a meirande parte contaba cun número de traballadores inferior a dez. As 1.047 empresas restantes estaban dedicadas á confección de roupa de vestir e á industria de coiro e calzado, e eran na súa maioría, de reducida dimensión.

En global, o sector do téxtil, a confección e o calzado xera un valor engadido bruto de 3.481 millóns de euros, segundo os últimos datos dispoñibles, do ano 2015. Isto representa o 6,1% do PIB galego, do que o maior peso correspóndese coa parte comercial (5,2%), mentres que a parte industrial achega un 0,9%. En termos de emprego, o sector aportar o 3,3% do emprego total: os postos de traballo do comercio representan o 2,1% e a parte industrial achega un 1,2%.

Continuidade


A Análise do sector téxtil, a confección e o calzado é un documento elaborado polo IGE que dá continuidade a unha serie de análises iniciadas coa da cadea forestal-madeira, difundida no ano 2013. Esta serie tivo a súa continuación coa análise do sector da automoción, publicada en 2014; coa análise do sector da pesca, difundida en 2015; a análise do sector cultural dada a coñecer en 2016; e finalmente a do sector do transporte difundida no 2017.

O obxectivo destas publicacións é dobre: por unha banda, afondar no coñecemento da economía galega a través do estudo de sectores sobranceiros na estrutura económica de Galicia e, por outra, dar unha mellor difusión ás estatísticas de síntese económica elaboradas polo IGE.

Data de actualización: 28/12/2017