O delegado territorial visita as obras que executa a Xunta en Quiroga ao abeiro do Plan Hurbe, cun investimento de 74.700 euros

José Manuel Balseiro explicou que a intervención beneficia a dous parques infantís, unha praza e unha rúa situadas no centro urbano

Quiroga (Lugo), 28 de decembro de 2017
  • whatsapp

A Xunta de Galicia está a executar obras de acondicionamento no núcleo urbano de Quiroga ao abeiro do Plan Hurbe, un programa que pretende humanizar as rúas e mellorar o equipamento dos espazos públicos das vilas e cidades galegas.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe a localidade para comprobar o estado das obras previstas: a reurbanización da rúa Pacios de Mondelo, a substitución do pavimento do parque da Constitución e do parque da Igrexa, e os traballos de limpeza e mantemento da Praza Maior.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio inviste 74.712 euros neste proxecto que, segundo explicou Balseiro, “busca incrementar a comodidade de uso para os veciños, mellorar a estética e a dinamización social da vila a través da intervención sobre os contornos urbanos”.

As obras están próximas a rematar e inciden sobre a estética da vila, pero tamén sobre a seguridade, o confort e a accesibilidade. Así, instálanse ramplas adaptadas para facilitar o acceso aos espazos públicos, e nas zonas infantís substitúense os pavimentos por outros de caucho que minimizan o impacto dos golpes en caso de caídas. Igualmente, realízanse melloras no saneamento.

En concreto, na rúa Pacios de Mondelo repárase o pavimento co arranxo de fochancas, roturas e afundimentos, e renóvase a rede de sumidoiros e as instalacións de electricidade.

Nos parque da Constitución e da Igrexa substitúese o pavimento de area por outro de lousas de caucho de catro centímetros de espesor, á vez que se mellora o acceso dende a rúa San Martiño ao parque da Igrexa.

Do mesmo xeito, contémplase a mellora da accesibilidade á Praza Maior, unha área de 550 metros cadrados de superficie situada na zona antiga do núcleo urbano.

Balseiro sinalou que a Xunta trata de “conxugar a conservación do patrimonio coa mellora dos espazos públicos para o desfrute dos veciños, mantendo as singularidades das nosas vilas e dando resposta ás súas necesidades en función da realidade sociodemográfica de cada unha delas”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/12/2017