A adxudicación se producirá nos tres casos nos primeiros meses de 2018
A Xunta avanza na licitación da xestión dos centros de maiores de Cambados, Redondela e Cuntis

Cambados e Cuntis ofertarán inicialmente 20 prazas de centro de día cada un, pero en función da demanda poderían chegar ata o seu máximo de 40 prazas

Redondela estreará a súa parte de fogar residencial con 24 prazas e ampliará ata 25 as do seu centro de día

A instalación do equipamento e amoblamento do centro de día de Cambados, que finalmente supuxo un gasto de algo máis de 67.000 euros, está case rematada

A administración galega axiliza os trámites para acurtar os prazos de entrada en servizo do centro de día de Cuntis

Santiago, 28 de decembro de 2017
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, anuncia a licitación da xestión dos centros de maiores de Cambados, Redondela e Cuntis, todos eles, na provincia de Pontevedra, que se realizará en virtude dos respectivos convenios de colaboración entre os concellos e o ente público.

Eses convenios axústanse aos termos establecidos no Acordo Marco entre Política Social e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para o co-financiamento de centros de día do Consorcio, do que dependen os tres centros, que están integrados na rede para a atención aos maiores da administración autonómica.

O anuncio da licitación dos centros de Cambados, Redondela e Cuntis -que se fixo conxuntamente por razóns de economía administrativa- xa está publicado na páxina web do Consorcio, xa foi enviado ao Boletín Oficial do Estado (BOE) e ao Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), e será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) o próximo 15 de xaneiro.

O centro de día de Cambados da deste xeito o seu último paso para a súa entrada en funcionamento nos primeiros meses do ano que ven, dando cumprimento ao compromiso adquirido polo Goberno galego de licitar a xestión antes de que remate 2017. Ademais, a instalación do equipamento e amoblamento dese centro, que finalmente custará 67.221,62 euros (IVE incluído), o que supón unha baixa sobre a previsión inicial, tanto para o Consorcio, como para o Concello, está a día de hoxe case rematada, unicamente pendente de pequenos remates finais.

O centro de día de Cambados iniciará a súa actividade con 20 prazas, malia que o concurso xa contemplaba que, en función da demanda, o número de prazas poida ampliarse cando sexa necesario ata 40, que é a súa capacidade máxima.

En canto ao centro de maiores de Redondela, que abriu as súas portas a finais do ano pasado, sácanse novamente a licitación as súas prazas de centro de día -tal e como anunciou nunha recente visita a esas instalacións o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez-, o que permitirá ampliar a súa oferta nesa modalidade de servizo das 20 actuais (neste momento conta con 17 usuarios), ata 25. Ademais, cando o proceso de adxudicación da xestión estea rematado, o centro poderá estrear a súa parte residencial, situada na primeira planta do edificio, cunha oferta nese caso de 24 prazas.

Por último, no que se refire ao centro de día de Cuntis, tendo en conta que está previsto que entre en funcionamento ao longo de 2018 porque está pendente do equipamento e amoblamento das instalacións, así como do convenio de xestión (que se axustará tamén ao Acordo Marco coa Fegamp), a Xunta decidiu licitar xa a xestión para axilizar os trámites e acurtar os prazos.

Compre lembrar que o Consorcio xa realizou nos últimos meses algunhas reformas nese centro de maiores de Cuntis e están previstas máis obras e axustes ao longo dos primeiros meses do ano que está a piques de comezar, para a súa posta en servizo. Como no caso de Cambados, esas instalacións arrancarán con 20 prazas, pero poderían acadar o seu máximo de 40 prazas en calquera momento, en caso de que a demanda o requira.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/12/2017