A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García, visitou hoxe aos participantes nesta iniciativa aloxados na residencia de Panxón, en Nigrán
A Xunta aposta pola convivencia e a participación activa dos maiores a través do programa ‘Xuntos polo Nadal’

O obxectivo desta iniciativa, que se desenvolve nas residencias de tempo libre de titularidade autonómica situadas en Panxón e no Carballiño, é que persoas maiores de máis de 60 anos non pasen soas estas datas de nadal

A principal novidade é que se ampliou a estancia nas residencias ata o 7 de xaneiro, cando en anteriores edicións remataba o día 2
 

  • whatsapp

Nigrán (Pontevedra), 28 de decembro de 2017.- A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Fabiola García Martínez, visitou hoxe a Residencia de Tempo Libre de Panxón, situada no municipio pontevedrés de Nigrán, onde estivo cos participantes no programa Xuntos polo Nadal. Un grupo de 120 persoas maiores de 60 anos desfrutan desde o pasado sábado 23 e ata o vindeiro día 7 de xaneiro destas datas tan sinaladas nestas instalacións de titularidade autonómica.

A Consellería de Política Social está a levar a cabo un ano máis esta iniciativa nas residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, en Ourense, facendo posible que un total de 240 persoas maiores que se atopan soas podan pasar estar datas acompañadas doutras que están na mesma situación. A directora xeral Fabiola García explicou que “o obxectivo é que os maiores pasen acompañados unha época do ano tan entrañable e de marcado carácter familiar como é o nadal, reforzando ou tecendo novas amizades e ocupando o seu tempo libre con distintas actividades, como talleres de manualidades, saídas ou cenas especiais amenizadas con música en directo, entre outras”.

Os participantes gozan de aloxamento e manutención en réxime de pensión completa; e ademais, ao abeiro desta iniciativa realizaranse numerosas actividades lúdicas e de animación sociocultural durante os días nos que transcorre a convivencia. Así mesmo, cómpre salientar que a principal novidade que presenta Xuntos polo Nadal este ano é a ampliación da estancia nas residencias ata despois da festividade dos Reis Magos, ata o 7 de xaneiro, cando en edicións anteriores remataba o día 2.

Os maiores que teñen uns ingresos inferiores ao IPREM (537,84 euros/mes) asisten de forma gratuíta ao programa, mentres que aquelas cuns ingresos superiores a dito importe contribúen ao pago da estancia coa achega de 50 euros. Para a selección dos participantes deuse preferencia ás persoas que perderan ao seu cónxuxe ou persoa coa que convivisen no último ano, teñan máis idade, teñan un menor nivel de ingresos económicos e non participaran no programa Xuntos polo Nadal en pasadas edicións.

O desenvolvemento do programa conta coa implicación de voluntariado, grazas a colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Estas persoas voluntarias proporcionan apoio e acompañamento aos maiores, e tamén colaboran nas actividades lúdicas que se realizan.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/12/2017