Novas analíticas confirman valores máximos de ferro e aluminio en varios puntos das redes de Vigo e Redondela

As mostras recollidas o martes 26 e analizadas no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia revelan que se superaron os indicadores máximos que marca a normativa

Sanidade advirte ás empresas de abastecemento que é preciso tomar medidas correctoras e reclama ás concesionarias que sigan informando cada 24 horas

Os técnicos do Servizo de Control de Riscos Ambientais insisten en que, á luz dos datos, a auga segue a ser de moi baixa calidade

Lembra que para declarar a auga non apta para o consumo precísanse dúas analíticas consecutivas con valores superiores aos máximos referenciados

A Consellería permanecerá vixiante extremando os seus controis e informará inmediatamente de producirse algún cambio nos indicadores
 

Vigo, 28 de decembro de 2017
  • whatsapp

As últimas analíticas realizadas polos técnicos do Servizo de Control de Riscos Ambientais da Consellería de Sanidade confirman novos picos dos valores de ferro e aluminio nos concellos da área territorial de Vigo, con parámetros que seguen a ser altos. Así, as mostras recollidas polos técnicos da Xunta revelan que nalgúns puntos da rede de abastecemento de Vigo e Redondela se superaron os indicadores máximos que marca a normativa. En termos xerais, a auga segue sen reunir as condicións que garanten a súa calidade.

Segundo revelan as mostraxes realizadas con data do 26 de decembro nos recoñecidos coma “puntos negros” da rede de abastecemento do Concello de Vigo, na acometida do CEIP Ría de Vigo en Canido os valores marcan 1111 partes por billón de ferro, mentres que no interior do colexio a proporción baixa ata os 430. Un desfase que os técnicos explican pola falla de actividade no centro escolar. Estes datos dispáranse na rede de Canido onde se mediron 1484 ppb de ferro e 2276 de aluminio. Caso similar é o de CEIP San Salvador de Teis, con 1019 ppb de ferro na acometida e 558 no interior das instalacións do centro.

En canto ao Concello de Redondela, o punto da rede afectado polo pico de ferro é o de San Esteban onde as análises do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia (único laboratorio público de referencia en materia de saúde e acreditado pola ENAC) indican unha proporción deste metal de 760 ppb.

Cómpre lembrar que a partir dos parámetros de 200 partes por billón de ferro débense adoptar medidas correctoras cara a recuperar a calidade aceptable para a autoridade sanitaria. A partir de 300 esas medidas deben ser de rápida aplicación, e xa por riba das 600 (proporción igual a da do aluminio) débense facer recomendacións de restrición do consumo. Así mesmo, recordar que para declarar a auga non apta para o consumo precísanse dúas analíticas consecutivas con valores superiores aos máximos referenciados.

Os técnicos do Servizo de Control de Riscos Ambientais xa recolleron novas mostras nos devanditos puntos que se están agora analizando no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia e de cuxos resultados informarase na xornada de mañá. En caso de confirmarse o positivo, Sanidade terá que recomendar a restrición do consumo.

Á luz destes últimos valores, Sanidade reclama ás empresas encargadas do subministro municipal que tomen en consideración estes datos e apliquen a maior brevidade posible as correspondentes medidas correctoras. Ademais, mantén a solicitude das concesionarias de que informen das súas análises cada 24 horas. Mantén que os parámetros medidos a día de hoxe non garanten a aptitude da auga e que, en consecuencia, esta segue a ser de moi baixa calidade.

Pola súa banda, a Consellería manterá activos os seus controis cunha frecuencia máis elevada do habitual, malia que a competencia neste eido sexa dos concellos, que son os que deben garantir a calidade da auga e informar consecuentemente á autoridade sanitaria de calquera anomalía que detecte a concesionaria no subministro do servizo municipal.
 

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 28/12/2017