A Xunta reúnese cos traballadores de Maderas Iglesias para coñecer as súas demandas e trasladarlles o seu apoio

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e o director do Igape, Juan Cividanes, mantiveron hoxe en Santiago un encontro co comité intercentros para coñecer de primeira man a situación

O Goberno galego pon a disposición a mediación a través do Consello Galego de Relacións Laborais para que as negociacións avancen

A Administración autonómica apela á vía do diálogo como a mellor fórmula para que a situación xerada teña o menor impacto posible
 

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2017
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e o director do Igape, Juan Cividanes, mantiveron hoxe en Santiago unha xuntanza co presidente e responsables do comité intercentros de Maderas Iglesias para coñecer de primeira man a situación xerada e as demandas dos empregados.

Os representantes do Goberno galego trasladáronlle aos traballadores o apoio da Administración autonómica poñendo a súa disposición a mediación a través do Consello Galego de Relacións Laborais co obxectivo de que as negociacións avancen, agardando unha solución o antes posible.

A Xunta defende a vía do diálogo como mellor fórmula para que a situación xerada teña o menor impacto posible. A secretaria xeral de Emprego e o director do Igape apelaron, polo tanto, ao diálogo indicando que a Xunta sempre defende este camiño co propósito de buscar a mellor saída para os traballadores de Maderas Iglesias.

A Administración autonómica seguirá polo miúdo a situación dos traballadores e traballadoras para garantir un correcto desenvolvemento do procedemento, reiterando o respaldo da Xunta aos empregados.

Toca e Cividanes, en definitiva, insistiron no compromiso do Goberno galego de seguir mantendo un diálogo permanente tanto cos traballadores como coa empresa para buscar a mellor saída.
 

Data de actualización: 28/12/2017