A Xunta consolida a conservación dos espazos naturais da costa lucense a través dunha campaña de loita contra as especies exóticas invasoras

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que as accións, impulsadas pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, centrarase na eliminación e control do plumacho da Pampa, da uña de gato e da agave americana

Lugo, 28 de decembro de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio consolida a conservación dos hábitats naturais da costa lucense a través dunha campaña, que se desenvolverá ao longo das próximas semanas, dirixida a controlar e erradicar as especies exóticas invasoras.

Trátase dunha actuación que, segundo explicou o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, permitirá a eliminación de varias destas malas herbas e moi en particular, das popularmente coñecidas como plumacho da Pampa (Cortaderia selloana), a uña de gato (Carpobrotus sp) e a agave americana.

Prioridade: a rede de espazos naturais

“Estamos a falar -engadiu Balseiro- dunha acción que ten por finalidade a contención destas especies fóra dos espazos naturais costeiros para evitar a degradación de hábitats e favorecer a conservación da flora autóctona ameazada. O obxectivo que se consegue é protexer e por en valor espazos de gran riqueza natural”

En consecuencia os traballos realizaranse prioritariamente na contorna da rede de espazos naturais da costa, como son a zona das Catedrais, na Ría Foz-Masma, no río Ouro e na zona da mariña Occidental.

Ao tratarse dunha acción única no conxunto da Comunidade autónoma os traballos sobre o terreo dependerán da evolución e do remate previo noutras áreas, pero o programación de actuacións prevé comezar nas vindeiras semanas desde Ribadeo e rematar a finais do vindeiro mes de xaneiro no Vicedo.

Entre outros, está previsto actuar en Rinlo, na ensenada das Cegoñas, praia dos Castros, praia das Catedrais - Area Longa, Punta do Castro, Praia de Altar e Anguieira, Ponte da Espiñeira, Ponte da Espiñeira, desembocadura do rio Ouro, Praia de Lago, Praia de Portocelo, Praia de Esteros, Praia de Area, Praia da Covas, Rio Landro e Praia de Xilloi, entre outros.

Ao tratarse de especies exóticas de alto impacto onde non é doada a súa erradicación, as accións están dirixidas a evitar a súa expansión (contención) ou limitar os danos que producen en hábitats ou especies sensibles (control), considerando principalmente a Rede Natura 2000.

Ademais co obxecto de intentar extraer conclusións que permitan marcar as pautas en futuras actuacións, contemplase facer un seguimento dos traballos de xestión realizadas que permita asegurar a eficacia dos métodos de control aplicados, a evolución do hábitat, a aparición de novas especies invasoras, etc.

Data de actualización: 28/12/2017