Galicia dispón este ano de 57 novos puntos de auga para a extinción de incendios forestais

A maioría foron obras propias da Consellería do Medio Rural que poderán utilizar as motobombas e medios aéreos

Tamén ofrece axudas para que as comunidades de montes creen depósitos nos seus terreos

Súmanse ás preto de 6.000 infraestruturas que xa estaban repartidas por todo o territorio ata o de agora
 

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2017
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural construíu ao longo deste 2017 ata 57 novos puntos de auga para os servizos de prevención e defensa contra os incendios forestais. A maioría destas obras consisten en investimentos propios a través dos que a Xunta constrúe depósitos de auga que poderán ser utilizados por medios aéreos e terrestres.

En concreto, a Xunta executou por acción directa 36 puntos, 14 deles para motobombas e outros 22 que tamén poden ser utilizados por helicópteros. Por provincias, A Coruña e Lugo tiveron catro novos depósitos cada unha, e todos eles poderán ser usados polos helicópteros. No caso de Ourense, construíronse nove estruturas cinco delas en exclusiva para os medios terrestres e catro para os aéreos. Por último, Pontevedra é a máis beneficiada con 19 construcións das que nove son para motobombas e outras dez para helicópteros.

A maiores, esta consellería ofrece subvencións ás comunidades de montes veciñais en man común para que tamén elas poidan levar a cabo este tipo de obras nos seus terreos e así facilitar os labores de extinción no caso de producirse un lume. Deste xeito, tamén durante o 2017 executáronse outros 21 depósitos, dous na Coruña, tres en Lugo e oito nas provincias de Ourense e Pontevedra.

Todas estas construcións súmanse ás preto de 6.000 que xa había repartidas por toda Galicia, 789 que ademais poden usar os medios aéreos polo seu tamaño. A provincia que máis ten é a de Ourense, seguida de Lugo, A Coruña e finalmente Pontevedra.
 

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 30/12/2017