Medio Rural destinou 1,3 millóns de euros no 2017 a conservar e fomentar os recursos xenéticos forestais de Galicia

Trátase de preservar esta riqueza, en beneficio do sector e da sociedade en xeral

Procúrase tamén mellorar o material de reprodución das diferentes especies arbóreas da nosa comunidade, con especial atención ás frondosas autóctonas
 

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural destinou 1,3 millóns de euros ao longo de 2017 para conservar e fomentar os recursos xenéticos forestais e mellorar o material de reprodución das diferentes especies arbóreas de Galicia. Estas actuacións enmárcanse no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 e contan co apoio do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Os obxectivos que se perseguen, entre outros, son os de manter, preservar e inventariar esta riqueza, instalar parcelas de ensaio e recoller, transportar e almacenar material forestal de reprodución. Así mesmo, procúrase a identificación dos clons híbridos máis valiosos e realízanse polinizacións controladas de especies coma o castiñeiro, de clons de alto valor xenético, para a súa conservación e futura propagación e transferencia. Así mesmo, lévanse a cabo cruces controlados para combinar características e seleccionar os novos materiais de reprodución.

Inclúense tamén actividades como o desenvolvemento de diferentes variedades de especies forestais adaptadas a condicións locais específicas, para desta maneira manter e garantir uns bosques sustentables desde o punto de vista ambiental, climático e socio-económico. Por outra banda, desenvólvense accións de intercambio de información para a conservación, caracterización, recolección e utilización dos recursos xenéticos entre os axentes do sector forestal.

Centros de recollida

Ao tempo, estes fondos destináronse ao mantemento e mellora das instalacións dos centros de recollida e procesado da semente forestal, contemplando a compra de equipos e materiais, e dos lugares de almacenamento e produción dos materiais forestais de reprodución, incluíndo a rede de campos de conservación e caracterización destes recursos. Así se fixo, concretamente, no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en Pontevedra, mellorando os seus invernadoiros, laboratorios e mesas de xerminación e cultivo.

En parecidos termos, levouse a cabo un labor de xeorreferenciación da rede de parcelas de alto valor xenético da comunidade, para afondar no seu coñecemento sobre o terreo, en particular de materiais de reprodución como sementes, plantas, froitos e partes de plantas. Así, fixéronse traballos de revisión e situación, mediante levantamento con GPS, desta rede.

Todos estas intervencións centráronse especialmente en potenciar e poñer en valor especies coma o castiñeiro ou frondosas autóctonas (carballo, bidueiro, freixo, etc), así como coníferas consideradas de especial interese, caso dos pinus pinaster e radiata. A maiores, fixéronse intervencións localizadas en determinados viveiros, como os de Sambreixo (Guitiriz) ou A Chaira (Pereiro de Aguiar) e no horto sementeiro de piñeiro localizado en Os Trollos (Bóveda).
 

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 01/01/2018