A Xunta licita as obras de construción do centro de saúde da Estrada que contan cun investimento de 4,6 millóns de euros

Así o recolle o Diario Oficial de Galicia na súa edición de hoxe

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2017
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas, pola que se anuncia a licitación das obras de construción do centro de saúde da Estrada (Pontevedra), que contan cun orzamento de 4.667.638 euros, e un prazo de execución de 17 meses.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou recentemente os terreos onde a Xunta de Galicia ten previsto construír esta nova instalación da rede sanitaria pública galega. Trátase dunha parcela de 4.262 metros cadrados cedida gratuitamente polo concello.

A construción deste novo centro de saúde permitirá, tanto aos profesionais como aos pacientes e usuarios, dispor dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, e que dará mellor resposta ás necesidades de saúde, presentes e futuras, das veciñas e veciños deste concello. Actualmente, no concello da Estrada, aténdese a un total de 20.957 tarxetas sanitarias, das que 2.369 corresponden a poboación pediátrica.

Proxecto de construción

O edificio contará con tres andares ademais dun soto, o acceso principal realizarase a través dunha praza exterior e tamén haberá un lugar para o acceso das ambulancias baixo teito. No baixo andar ubícase a recepción e administración, cun gran vestíbulo que distribúe a área pediátrica cara un lado, con tres consultas de pediatría e dúas consultas de enfermaría pediátrica. Ao outro lado do vestíbulo está a área de apoio ao diagnóstico que conta con sala de toma de mostras, sala de radioloxía e sala de ecografía; e a continuación a área de urxencias (PAC) na que haberá dúas consultas de medicina e dúas de enfermería, ademais de dúas salas de reanimación e observación.

No primeiro andar ubícase a área de medicina con once consultas de medicina xeral e outras dez consultas de enfermería; ademais de consulta de farmacia, despacho do traballador social, salas polivalentes, e a zona de persoal.

No segundo andar estará situada a área da muller que terá dúas consultas de matrona. O centro terá así mesmo neste andar outras consultas como odontoloxía e hixienista dental, unha área de fisioterapia e rehabilitación con catro consultas, e unha área de saúde mental con dúas consultas de psiquiatría e dúas consultas de traballador social.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 29/12/2017