Medio Rural inicia un novo proceso de traspaso de parcelas do Banco de Terras a concellos da provincia da Coruña

O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantivo hoxe un encontro cos alcaldes de municipios beneficiados para explicarlles o proceso a seguir

Trátase dunha nova quenda para o recoñecemento da titularidade de predios aos municipios

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2017
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural comezou os contactos para levar a cabo a última quenda do traspaso de parcelas do Banco de Terras a concellos de toda Galicia. En concreto, hoxe o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, mantivo un encontro cos responsables de municipios da provincia da Coruña que poderán beneficiarse desta transferencia para explicarlles que predios son susceptibles de recibir para o seu uso veciñal e o proceso a seguir.

En concreto, o portavoz de Medio Rural, acompañado polo delegado da Xunta Ovidio Rodeiro reuniuse cos representantes de: Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Trazo, Betanzos, Coirós, Oza-Cesuras, Vilasantar, Lousame, Outes, Dodro, Padrón, Rois, Mazaricos, Santa Comba, Dumbría, Fisterra, Muxía, As Somozas, Narón, Valdoviño, Abegondo, Bergondo, Santiso, Laxe, Ponteceso, Zas, As Pontes de García Rodríguez, Boiro, A Baña, Negreira. Entre todos os concellos hai 537 parcelas susceptibles de ser de titularidade municipal.

Isto é así grazas á Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que permite que este tipo de terreos sen utilidade agraria pasen a ser directamente do concello dun xeito máis áxil e con menos carga burocrática que a tradicional cesión de terras que se viña realizando ata o de agora.

De feito, non é a primeira vez que se formaliza un traspaso deste tipo. En total, no 2017 a Consellería do Medio Rural formalizou o cambio de titularidade de 1.234 parcelas a 37 concellos e o obxectivo é chegar á revisión duns 2.500 terreos que forman parte do catálogo de terras pero que non poden ser arrendados a agricultores e gandeiros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/12/2017