A Xunta activa un Plan para a dixitalización de 100 pemes que xunto co programa de Formación 4.0 mobilizará máis de 10 M€

O Goberno galego vén de publicar no DOG as dúas iniciativas nas que inviste preto de 6 millóns para apoiar proxectos de dixitalización e, doutra banda, impulsar a formación na Industria 4.0 de 1000 traballadores e mandos intermedios

En 2018 levaranse a cabo catro convocatorias para facilitar proxectos dixitais, nos que terán prioridade as iniciativas colectivas formadas por grupos de empresas

A Consellería de Economía, Emprego e Industria favorece con estas medidas os investimentos e a especialización en ámbitos como a robótica, o Big Data, vehículos autónomos, Internet das cousas ou ciberseguridade
 

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, destinará este ano preto de 6 millóns de euros en proxectos colectivos de dixitalización para apoiar a 100 pemes galegas e na formación en tecnoloxías, procesos e metodoloxías da Industria 4.0 para achegar coñecementos a 1000 traballadores e mandos intermedios. Estas novas convocatorias, que vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG), favorecerán conxuntamente a mobilización de máis de 10 millóns de euros.

A Xunta, dunha banda, promove proxectos colectivos de dixitalización nas pemes destinando para iso un total de 5 millóns de euros para apoiar investimentos ao abeiro da Axenda Galicia-Industria 4.0 e contando tamén con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). O obxectivo é potenciar a posta en marcha de sistemas informáticos que aporten valor ás empresas: tanto proxectos colectivos de soporte a procesos sectoriais multiempresa, como proxectos individuais de intelixencia artificial e de conectividade inter e intraempresarial.

Á realización de obradoiros para a xeración de proxectos colaborativos de dixitalización, financiados ao 100% co novo programa, súmanse as axudas a investimentos dixitais que poderán cubrir ata o 30% no caso das pequenas empresas e ata o 20% para as medianas, se ben os gastos de colaboracións externos necesarios poderán contar con apoios do 50%. O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o 31 de xaneiro de 2018 no caso de obradoiros e ata o 28 de febreiro no das axudas a investimentos en dixitalización. Haberá catro convocatorias ao longo do 2018.

Terán prioridade os proxectos colectivos formados por grupos de empresas e que, de maneira opcional, poden estar coordinadas por un organismo intermedio. A Xunta reforza con esta iniciativa a súa aposta por un modelo de empresa 4.0, dixital, innovadora e exportadora. Reforza e complementa así as convocatorias de axudas para impulsar investimentos 4.0, que se activarán por terceira vez en 2018 e que xa teñen beneficiado a 70 empresas con máis de 15 millóns de euros en investimentos.

Formación 4.0

O segundo dos programas, que vén de publicarse tamén no DOG, apoiará proxectos de capacitación en xestión e organización empresarial para achegar formación no eido 4.0 a 1000 profesionais, traballadores e mandos intermedios, que se formarán en organización industrial, liderado de proxectos, protocolos de cooperación interempresarial, utilización de ferramentas de business intelligence (intelixencia empresarial) e de vixilancia tecnolóxica, co-creación de produtos, novos modelos de negocio e eficiencia enerxética.

Estas axudas á formación 4.0 contan cun orzamento de 700.000 euros para 2018, podendo beneficiarse organismos intermedios (clústers e centros tecnolóxicos) que organicen programas formativos nos que participen persoas vinculadas profesionalmente cunha peme galega. Búscase así a especialización en eidos como a robótica, o tratamento masivo de información (Big Data), os vehículos autónomos, a conectividade (Internet das cousas), a ciberseguridade ou a Loxística 4.0.

Neste caso, as axudas cubrirán o 70% dos gastos no caso de que o organismo intermedio beneficiario cumpra as condicións de pequena empresa; do 60% no caso de mediana empresa; e do 50% nos restantes casos. Trátase da terceira convocatoria deste programa para o que o prazo de presentación de solicitudes será de dous meses a partir do 2 de xaneiro de 2018.

Deste xeito, a Xunta avanza no desenvolvemento da Axenda Galicia-Industria 4.0, impulsando a implantación da industria conectada -a fábrica intelixente- e incrementando o seu peso no PIB ata 2020. Do desenvolvemento do primeiro plan bienal da Axenda Galicia-Industria 4.0 beneficiáronse 4.200 empresas, e para o segundo plan (2017-2018) cóntase cunha dotación orzamentaria de 175 millóns de euros para seguir avanzando na modernización do tecido produtivo galego.

Data de actualización: 01/01/2018