A Xunta inviste 42.000 euros na mellora das infraestruturas viarias e a iluminación pública do parque empresarial de Coirós

A Consellería de Economía, Emprego e Industria renovou un total de corenta luminarias no parque empresarial de Pedrapartida e pintou as estradas de acceso

O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde, Francisco Quintela, visitaron o polígono para verificar o resultado dos traballos unha vez rematados
 

Coirós (A Coruña), 2 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o parque empresarial de Pedrapartida, no concello de Coirós, para comprobar o resultado do investimento de 52.000 euros na renovación do sistema de iluminación e na mellora das estradas de acceso no solo urbano industrial do devandito polígono. A intervención foi posible grazas a unha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que asumiu o 80 por cento do custe total da obra, estimado en algo máis de 42.000 euros.

Na visita, na que tamén estivo presente o alcalde de Coirós, Francisco Quintela, Rodeiro comprobou que o investimento serviu para dotar ao parque empresarial de 40 novas luminarias e 25 báculos, ademais de tres novos armarios de control. Así mesmo, investíronse preto de 8.000 euros en repintar as vías de entrada e saída ao polígono para mellorar a seguridade de todos os usuarios e visitantes.

Esta actuación forma parte da orde do 27 de xaneiro pola que se concedeu unha liña de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais, e que no caso da provincia da Coruña supón un investimento de preto de 910.000 euros en 18 actuacións en polígonos pertencentes a 14 concellos da provincia, e comprende, ademais de obras de saneamento, intervencións en mellora de eficiencia enerxética, reparacións de infraestruturas viarias e seguridade, instalacións de hidrantes e construción de plantas de compostaxe.

Ovidio Rodeiro sinalou que “a Xunta mantén o seu compromiso co desenvolvemento industrial de Galicia, por iso a Consellería de Economía, Industria e Emprego está a facer un esforzo orzamentario para incrementar a dotación do programa de apoio aos parques empresariais”.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/01/2018