O DOG publica hoxe a Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia

Establece os requisitos indispensables que deben cumprir grandes eventos, verbenas e festas populares

Entre outras novidades, a normativa regula a revenda de entradas, convertendo a Galicia nunha comunidade pioneira neste sentido

O texto fai especial fincapé na protección dos menores, na loita contra actitudes discriminatorias e na defensa dos consumidores
 

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. O seu principal obxectivo é dotar dun marco normativo actualizado ao ámbito dos espectáculos públicos que garanta a máxima seguridade tanto das persoas como dos bens.

O texto é froito do maior consenso posible, e inclúe achegas da Fegamp, do resto de departamentos involucrados da Administración autonómica, así como de cidadáns e colectivos directamente implicados.

Esta nova Lei establece os requisitos imprescindibles requiridos tanto en grandes eventos, como en verbenas e festas populares, e fai especial fincapé na protección dos menores, na defensa dos consumidores, no respecto polo medio ambiente e os animais, na loita contra actitudes discriminatorias e na conservación do patrimonio histórico-artístico e cultural.

Así, entre outros aspectos, recolle unha remisión ás obrigas introducidas pola normativa vixente en materia de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en persoas menores de idade, e establece tamén a prohibición de revenda de entradas en papel ou en calquera medio ou soporte electrónico, estipulando esta infracción como grave con multas que poden acadar os 30.000 euros.

Como outra novidade salientable, esta normativa inclúe a posibilidade de que os concellos poidan realizar ampliacións ou reducións sobre o horario xeral. Nesta liña, os concellos pasan a asumir as funcións propias que xa desempeñaban en materia de espectáculos público, polo que deben autorizar as actividades extraordinarias e as ampliacións de horarios, funcións que ata o momento exercía a Xunta de Galicia.

A maiores, establece tamén un plan de inspección dos espectáculos públicos e actividades recreativas que deberán aprobar os concellos no prazo dun ano dende a entrada da Lei, recollendo a obrigatoriedade de contar con plans de emerxencia e de autoproteción, de conformidade coa normativa autonómica vixente.

Ademais, regula o dereito de admisión. A Lei dispón especiais precaucións en aras de evitar calquera tipo de discriminación que poida limitar a efectividade do dereito de acceso aos espectáculos públicos e actividades recreativas.

Tamén se regula tanto o servizo de control de acceso, que debe contar con persoal habilitado segundo a normativa vixente, como os servizos de vixilancia e seguridade propios, que deben dispor de persoal encargado desa función nos termos previstos na lexislación.

Na Lei, establécese a creación do Rexistro autonómico de empresas e establecementos, polo cal se constitúe un rexistro público de empresas e establecementos dedicados á realización de espectáculos públicos e actividade recreativas, no que deben figurar tanto as autorizacións autonómicas como as licenzas pertinentes.