Aberto o prazo de presentación de solicitudes para apoiar a contratación de 56 persoas en risco de exclusión a través de empresas de inserción laboral

O programa, ao que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará preto de 400.000 euros, inclúe como novidade incentivos adicionais do 25% cando as persoas contratadas sexan mulleres, maiores de 45 anos ou a compañía estea emprazada no rural

A convocatoria de axudas segue a mesma liña do ano pasado cando se introduciron diversas novidades atendendo ás principais demandas do sector, como os apoios para a formación con ata 3000 euros ou a ampliación da duración máxima dos contratos e o aumento no custe das axudas á asistencia técnica

O emprego inclusivo é unha prioridade para o Goberno galego que en 2018 dedicará preto de 14 millóns de euros para seguir impulsando os centros especiais de emprego e a integración laboral na empresa
 

Santiago de Compostela, 02 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

O Goberno galego abre mañá o prazo de solicitude das axudas á contratación de persoas en risco de exclusión social en empresas de inserción laboral, tras a publicación das bases hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Para iso, dedicará preto de 400.000 euros cos que prevé a contratación de 56 desempregados a través de 11 compañías.

Os interesados nesta actuación, que continúa a liña fixada en 2017 cando se introduciron novidades no programa atendendo as principais demandas do sector, poderán presentar as súas solicitudes desde mañá, mércores 3 de xaneiro, ata o 15 de outubro de 2018. Nesta nova edición volverase a ampliar a duración máxima dos contratos de inserción, ata tres anos; o custe das axudas á asistencia técnica (realización de auditorías contables, sociais ou certificacións de calidade) será do 80%; apoiarase outra vez a formación de persoas en proceso de inserción cun máximo de ata 3000 euros; e financiarase ao 100% o custo dos gastos de inicio e posta en marcha da actividade ata o límite máximo de 12.000 euros por empresa de inserción laboral.
Ademais, cando a persoa contratada sexa unha muller, teña máis de 45 anos ou se a empresa está emprazada nun concello rural, incluiranse incentivos adicionais do 25% nas axudas previstas neste programa para a contratación de xerentes, persoas técnicas de produción e técnicas de orientación, así como na creación de novos postos de traballo para persoas en inserción con apoios que poderán chegar aos 21.000 euros.

A Xunta con este programa, ademais, poderá financiar o 100% do salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa en proceso de inserción contratada. Financiarase tamén a realización de accións de mediación laboral para a contratación de persoas en inserción no mercado laboral ordinario, dando prioridade á contratación indefinida.

As axudas van dirixidas non só ás empresas de inserción laboral, que defenden os intereses das persoas en situación de risco de exclusión, senón tamén a entidades sen ánimo de lucro e fundacións, aínda que os destinatarios finais destas axudas son as persoas desempregadas en risco de exclusión.

Para ser beneficiarios destes apoios da Xunta, cada empresa deberá ter unha porcentaxe de persoas en inserción do 30% respecto do total do cadro de persoal, aplicar o 100% dos resultados ou excedentes dispoñibles en cada exercicio á mellora ou ampliación das estruturas produtivas e de inserción ou a programas de inserción laboral das entidades promotoras e non se apoiarán as contratacións inferiores ao 50% da xornada laboral nin por debaixo dos 6 meses.

Esta iniciativa está enmarcada na Axenda 20 para o Emprego a través da que o Goberno galego impulsa o emprego inclusivo. Esta aposta da Xunta reflíctese no apoio que está dando aos colectivos máis vulnerables e con máis dificultades para acceder ao emprego, como as persoas con discapacidade, primando a creación de postos de traballo dos que máis o necesitan cunha maior intensidade de axuda, dun 25% máis. Con respecto ao eido das persoas con capacidades diversas, os orzamentos de 2018 destinan preto de 14 millóns de euros para seguir reforzando os centros especiais de emprego e o traballo na empresa.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/01/2018