A Xunta reafirma o seu compromiso co Consorcio do Casco Vello de Vigo e aposta por seguir fomentando a rehabilitación de vivendas

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe os dous últimos edificios rehabilitados polo Consorcio do Casco Vello de Vigo, un organismo no que a Administración autonómica achega 9 de cada 10 euros

Trátase dun local comercial e cinco vivendas, para os que xa se iniciou o proceso de admisión de solicitantes
 

Vigo, 2 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o compromiso da Xunta por seguir traballando no seo do Consorcio do Casco Vello de Vigo -un organismo no que a Administración autonómica achega 9 de cada 10 euros- e por seguir apostando pola rehabilitación para construír unha cidade mellor para toda a veciñanza.

Así o sinalou esta mañá durante a súa visita aos dous últimos edificios rehabilitados no Casco Vello polo Consorcio, nos que se investiron máis de 500.000 euros. Trátase dun local comercial e cinco vivendas de promoción pública autonómica, ás que poden acceder aquelas persoas que están no Rexistro único de demandantes de vivenda da Xunta. Xa se ten iniciado o proceso de admisión de solicitantes e está previsto que neste primeiro trimestre do ano se leve a cabo o sorteo.

Ata agora, o Consorcio ten rehabilitado practicamente un cento de vivendas e máis de 30 locais comerciais. Só no 2017 adxudicáronse mediante concurso seis novas vivendas e puxéronse en marcha outras catro promocións, sendo dúas delas o motivo da visita de hoxe.

O obxectivo é seguir traballando. Por iso, asinouse o convenio que garante a continuidade do Consorcio ata 2021 e en 2018 está prevista a rehabilitación de catro novas edificacións, así como continuar con outras seis.

Deste xeito, seguiranse rehabilitando espazos para recuperalos para a cidadanía, ao igual que se fai coa que será a nova Cidade da Xustiza de Vigo, que conta cun investimento histórico de máis de 25 millóns de euros. Trátase dunha das moitas actuacións que ten posto en marcha a Xunta en Vigo, e que a converte na administración que máis inviste na cidade olívica.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/01/2018