A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, vén de asinar co alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez, o convenio de colaboración para executar este acondicionamento
A Xunta investirá case 200.000 euros na mellora de seguridade na travesía de Portamieiro, na estrada OU-901, e en varias vías, no concello de Vilamarín

No treito antigo da OU-901 prevense a reconstrución dun pequeno treito de beirarrúa que se atopa deteriorado, a execución de vados rebaixados para mellora da accesibilidade e a extensión dunha nova capa de rodadura

No viario municipal proxéctanse a pavimentación das vías principais, mellora do firme de dúas prazas, arranxo das infraestruturas de servizos e instalación de mobiliario urbano

O Goberno galego continúa a traballar na mellora da rede viaria de Galicia para proporcionar unhas estradas eficaces, cómodas e seguras, fomentando o desenvolvemento económico e social

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acaba de asinar o convenio de colaboración co alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez, para levar a cabo melloras de seguridade viaria na travesía e núcleo de Portamieiro, na estrada OU-901, mediante un investimento de case 200.000 euros por parte do Goberno galego.

O obxecto do convenio é o acondicionamento da travesía de Portamieiro, de titularidade autonómica como treito antigo da OU-901, así como a pavimentación de varios viais municipais que conflúen nesta travesía, de modo que se configure este conxunto de acordo coas súas características urbanas.

No treito antigo da OU-901 prevense a reconstrución dun pequeno treito de beirarrúa que se atopa deteriorado, a execución de vados rebaixados para mellora da accesibilidade, a extensión dunha nova capa de rodadura, a instalación de sumidoiros para mellorar a drenaxe e a instalación de mobiliario urbano.

No viario municipal proxéctanse a pavimentación con mestura bituminosa das vías principais, mellora do firme de dúas prazas, arranxo das infraestruturas de servizos e instalación de mobiliario urbano.

O Goberno galego continúa a traballar na mellora da rede viaria de Galicia e a ordenación do territorio e a súa cohesión, de xeito que se proporcionen unhas estradas eficaces, cómodas e seguras, fomentando as relacións municipais e intermunicipais no fomento dun desenvolvemento harmónico.

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, asume o compromiso de financiar a actuación, coa achega da totalidade do investimento preciso para executar o proxecto.

Pola súa parte, o Concello de Vilamarín levará a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras e comunicará á Axencia Galega de Infraestruturas a data de recepción dos traballos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/01/2018