A Policía Autonómica leva a cabo 120 inspeccións para velar polo cumprimento da Lei de prevención de bebidas alcohólicas en menores

Entre o 26 de decembro e o 2 de xaneiro, realizáronse inspeccións en 18 concellos galegos e foron identificadas 26 persoas

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega
 

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo entre o 26 de decembro e o 2 de xaneiro un total de 120 inspeccións de control en 18 concellos galegos.

Por parte dos distintos grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Lugo e Pontevedra, nesta pasada semana realizáronse 43 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos de Ames, A Coruña, Betanzos, Cangas, Cambados, Culleredo, Lugo, Marín, Nigrán, O Porriño, Oleiros, Ourense, Padrón, Ponteareas, Pontevedra, Ribeira, Santiago de Compostela e Vigo.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 26 persoas e inspeccionadas 120 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 2 actas de infracción, ambas por venda de alcohol.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.