Galicia pecha 2017 con 21.713 afiliados máis, a maior subida da última década

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado destacando que baixa nun 10,15% con respecto ao ano pasado mentres que, a nivel intermensual, foi o primeiro mes de decembro no que se produciu un descenso do desemprego de toda a serie histórica

A baixada do desemprego encadea 5 anos consecutivos de caídas nun mes de decembro, un período no que 1 de cada 3 parados abandonaron as listas

As afiliacións aumentan en preto de 40.000, con respecto a hai dous anos

Toca salienta que a tendencia é positiva, nun contexto no que Galicia, que conta con todos os indicadores en positivo, é unha Comunidade estable e con oportunidades para que as empresas invistan e creen emprego

A Xunta segue traballando para mellorar o mercado laboral galego impulsando coa Axenda 20 medidas para contar cun emprego estable e de calidade

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2017
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado, que no último ano baixou en 20.901 persoas, é dicir, un 10,15% menos que en decembro de 2016, o que sitúa á Comunidade como a cuarta na que máis descende o desemprego, mellorando en máis de dous puntos a media estatal, que foi de -7,84%.

En palabras de Toca, “temos que seguir traballando e impulsando medidas que favorezan a consolidación do emprego porque o noso modelo funciona e Galicia é unha Comunidade estable e con oportunidades para investir grazas a medidas como a nova Lei de implantación empresarial”.

A secretaria xeral de Emprego tamén destacou que, de xeito intermensual, Galicia logrou, por primeira vez en toda a serie histórica, un descenso do desemprego en decembro que se situou nun -1,16% con respecto ao mes de novembro.

En canto ás afiliacións, seguen aumentando en Galicia con respecto a hai un ano nun 2,25%, o que supón un total de 21.713 afiliados máis que en decembro de 2016. Trátase da maior suba interanual desde 2007 e sitúa a Galicia como a sétima Comunidade na que máis medran as afiliacións en termos absolutos.

A Comunidade Autónoma sitúase a niveis de paro inferiores aos de hai 9 anos, sumando xa máis de 4 anos de baixadas consecutivas, desde novembro de 2013. Ademais, Galicia encadea cinco anos consecutivos de caída do paro interanual. Nestes cinco anos a cifra de paro descendeu en preto de 94.000 desempregados, é dicir, 1 de cada 3 parados abandonaron as listas do paro neste período.

Deste xeito, a secretaria xeral de Emprego indicou que a tendencia en Galicia é positiva, nun ano no que tanto estas cifras do paro como outros indicadores están a axudar a consolidar a recuperación da economía galega. En concreto, o PIB galego acumula 8 trimestres consecutivos con taxas de crecemento iguais ou superiores ao 3%; as empresas galegas viron medrar as súas exportacións de xaneiro a outubro nun 8,2% con respecto ao mesmo período do ano anterior; o IPI aumentou un 1% ata outubro e o comercio polo miúdo acumula ata novembro unha suba do 1,7%: “Os datos e a tendencia de cara a 2018 son positivos para o emprego pero temos moito traballo por diante xa que para nós é un asunto prioritario”, destacou Toca, quen sinalou que esta recuperación, acompañada dun contexto favorable, debe trasladarse ao mercado cunha mellora das condicións laborais e salariais.

En definitiva, a secretaria xeral de Emprego afirmou que o mercado laboral segue mellorando en Galicia co desenvolvemento da Axenda 20 coa que o Goberno galego impulsa o emprego estable e de calidade. Neste sentido, Galicia vai camiño de conseguir o seu obxectivo de crear entre 80.000 e 100.000 empregos nestes 4 anos xa que nos últimos dous se recuperaron preto de 40.000 afiliacións.

Toca salientou que, como mostra do compromiso do Goberno galego co emprego, “xa se aprobaron máis de 25 millóns de euros, por anticipado de gasto, para programas de emprego que se desenvolverán este ano”. Así, referiuse aos 16 millóns de euros que se destinarán a dous programas para autónomos, tanto para impulsar o inicio da súa actividade, como para a contratación indefinida de traballadores en 190 empresas; os 3,3 millóns para tres ordes centradas na economía social que beneficiarán a más de 3.000 desempregados; os preto de 400.000 euros das axudas á contratación de persoas en risco de exclusión social en empresas de inserción laboral; ou 6,5 millóns para formar a 2.100 persoas. Estes orzamentos e programas iranse ampliando ata os preto de 240 millóns que se destinarán este ano en materia de emprego co obxectivo de lograr, en 2018, a creación de 17.500 novos empregos e unha taxa do paro do 14%.

Descenso nas principais variables

O paro, na evolución anual, segue caendo nas principais variables: nas catro provincias, as sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade económica e nos colectivos prioritarios cos que traballa a Xunta. Así, nos menores de 30 anos descende nun -9,94%, nas mulleres nun -7,21% e nos parados de longa duración nun -10,28%. Con respecto a este último colectivo, Toca sinalou que practicamente a metade das persoas que saíron do desemprego nos últimos 12 meses eran parados de longa duración.

Con respecto ás provincias, na evolución anual Ourense lidera o descenso cun 12,28% menos de paro seguida de Lugo cun -11,75%, de Pontevedra cun -10,56% e da Coruña cun -8,73%. En canto aos sectores de actividade, a construción é onde máis baixa cun -22,37%, seguido da industria cun -13,94% e dos servizos cun -7,54%.

En canto á contratación, esta sobe lixeiramente con respecto a hai un ano, aumentando nun 0,43% o número de contratos indefinidos. Tendo en conta os datos acumulados de todo o ano, en 2017 os indefinidos aumentaron un 13,44%, cinco puntos máis que os temporais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/01/2018