Medio Ambiente inviste máis de 34.000 euros na limpeza e conservación do río Loira ao seu paso polo Concello de Marín

Técnicos de Augas de Galicia acometeron durante preto de dous meses os traballos, que consistiron na retirada de ramas e árbores caídas e na eliminación de atascos puntuais ao longo de case tres quilómetros da canle fluvial

Esta actuación encádrase nos labores de mantemento, recuperación e mellora do dominio público das bacías da demarcación Galicia-Costa co obxectivo de acondicionar os accesos e garantir a protección dos ecosistemas fluviais
 

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de Augas de Galicia, vén de concluír os traballos de conservación e mellora das marxes do río Loira ao seu paso polo concello de Marín (Pontevedra).

Os traballos, que comezaron a finais de outubro e aos que se destinou unha partida de 34.105,59 euros, consistiron fundamentalmente na retirada de árbores e ramas caídas sobre a canle do río e das árbores secas con perigo de desprendemento. Tamén se traballou na eliminación de atascos puntuais e na roza selectiva dalgunhas masas de matogueira.

Os labores dos técnicos focalizáronse sobre un tramo do río Loira de 2.740 metros de lonxitude que discorre polas parroquias de Santa María do Campo, Santo Tomé de Piñeiro, Seixo e Bexe.

Estes traballos encádranse nas actuacións que ao longo do ano desenvolve Augas de Galicia para o mantemento, conservación e mellora do dominio público das bacías da Demarcación Galicia-Costa co obxectivo de acondicionar os accesos e garantir a protección dos ecosistemas fluviais, así como asegurar a correcta circulación das augas.

Con este tipo de intervencións, o organismo de conca pretende mellorar os espazos de dominio público, as zonas de acceso e a protección das marxes dos ríos de Galicia-Costa.

Data de actualización: 03/01/2018