A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acaba de asinar co presidente do consorcio local dos Peares, Manuel Seoane Rodríguez, o convenio de colaboración para executar estas actuacións
A Xunta investirá case 300.000 euros na mellora dos accesos á estación de ferrocarril e a ampliar o paseo da marxe dereita do río Miño no núcleo dos Peares

Os traballos centraranse na pavimentación do acceso á estación de ferrocarril, rehabilitando o firme da estrada que une o centro de saúde dos Peares coa terminal, así como dos camiños que se atopan na súa contorna

Na marxe dereita do Miño, prevese ampliar o paseo existente e o muro de cachotaría sobre o que se asenta a plataforma do camiño e a instalación de iluminación da zona

Esta actuación completa a realizada en 2016 pola Xunta no mesmo enclave, onde se construíu unha nova ponte sobre o río Miño para mellorar a comunicación dos núcleos urbanos da marxe dereita coa N-120 e a estación do ferrocarril
 

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2017
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acaba de asinar co presidente do consorcio local dos Peares, Manuel Seoane Rodríguez, o convenio de colaboración para a mellora dos accesos á estación de ferrocarril e a ampliación na marxe dereita do río Miño nesta localidade, cun investimento autonómico duns 300.000 euros.

A Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, asume o compromiso de financiar a actuación, coa achega da totalidade do investimento preciso para executar o proxecto. Pola súa banda, o Consorcio dos Peares elaborará o documento técnico necesario para as obras e será o encargado da súa execución.

Os traballos centraranse na pavimentación do acceso á estación de ferrocarril, rehabilitando o firme da estrada que une o centro de saúde dos Peares coa terminal, así como dos camiños que se atopan na súa contorna.

Nesa contorna actuarase tamén para mellorar a seguridade, substituíndo o actual muro de cachotaría de contención por un muro de formigón armado con varanda de aceiro para protección.

Na marxe dereita do Miño, prevese ampliar o paseo existente e o muro de cachotaría sobre o que se asenta a plataforma do camiño e a instalación de iluminación da zona con lámpadas led. Ademais repararanse as luminarias que na actualidade se atopan en estado deficiente, tanto na marxe dereita do río Miño coma na esquerda do río Búbal.

Esta actuación completa a xa realizada en 2016 pola Xunta de Galicia no mesmo enclave, onde se construíu unha nova ponte sobre o río Miño para mellorar a comunicación dos núcleos urbanos da marxe dereita coa estrada N-120 e a estación do ferrocarril.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/01/2018