16 empresas presentan as súas ofertas para executar melloras do firme en varias estradas autonómicas na provincia de Pontevedra

O proxecto define reparacións do firme que permitan prolongar a vida útil do pavimento da variante de Marín e as estradas PO-315 e PO-551, ao seu paso polos Concellos de Bueu, Cangas, Pontevedra, Marín e Moaña

A Xunta, coa execución deste tipo de traballos, continúa co desenvolvemento do Plan de Reforzos de Firme, que nos Orzamentos para 2018 incrementa de modo moi importante a súa dotación de 15 a 20 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

Un total de 16 empresas presentaron as súas ofertas para a execución das obras de reforzo de firme localizado na variante de Marín (VG-4.4), e nas estradas PO-315 e PO-551, por un importe de máis de 761.000 euros.

O proxecto define reparacións do firme que permitan prolongar a vida útil do pavimento destas estradas, ao seu paso polos Concellos de Bueu, Cangas, Pontevedra, Marín e Moaña.

Na estrada PO-315, nos Concellos de Bueu e Cangas, realizaranse reparacións do firme ao longo de toda a estrada mediante fresado e reposición ou extensión de microaglomerado, segundo a necesidade de cada subtramo.

Na PO-551, traballarase na rehabilitación da capa de rodadura mediante a extensión de microaglomerado en numerosos tramos da estrada, nos Concellos de Marín, Bueu, Cangas e Moaña.

Na variante de Marín (VG-4.4), repararase o firme mediante o fresado e a reposición entre o p.q. 0 e o 4+400, nos Concellos de Pontevedra e Marín.

Plan de reforzos de firmes

A Xunta, coa execución deste tipo de traballos, continúa co desenvolvemento do Plan de reforzos de firme, que nos Orzamentos para 2018 incrementa de modo moi importante a súa dotación de 15 a 20 millóns de euros.

O Goberno galego segue a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

A Consellería de Infraestruturas está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias.
 

Data de actualización: 03/01/2018