A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou esta mañá a empresa Mariscos O Grove
Os Grupos de Acción Local do sector pesqueiro poderán beneficiarse de preto de 11 millóns de euros para os seus proxectos no 2018

A nova liña de comercialización de crustáceos de Mariscos O Grove recibiu o apoio da Consellería do Mar a través desta liña de axudas

A través destas achegas a Xunta busca a impulsar proxectos que, entre outros aspectos, contribúan a aumentar o valor e promoción da innovación en todas as fases da cadea de subministración dos produtos da pesca e da acuicultura

Ademais destas axudas, Mar destina máis de 311.500 euros á convocatoria deste ano das achegas a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos GALP
 

O Grove (Pontevedra), 3 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

A Xunta destina, na convocatoria de axudas deste ano, preto de 11 millóns de euros aos proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) que redunden en beneficio para as zonas litorais de Galicia. Así o sinalou hoxe a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante unha visita á empresa Mariscos O Grove, onde, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, coñeceu o seu proxecto de nova liña de comercialización de crustáceos, financiado a través do GALP ría de Arousa.

Alí destacou que esta iniciativa conta cun sistema de circuíto pechado de auga de mar en planta baixa e planta alta para estabulación dos crustáceos e busca aumentar o valor dos crustáceos do selo pescadeRías e a súa promoción en todas as fases da cadea de subministro. Ademais fomenta a distribución dos produtos en mercados locais e nacionais e contribúe á mellora da comercialización en termos de operatividade e eficiencia enerxética. A isto súmase, engadiu a conselleira, a adquisición dunha furgoneta isotérmica, que contribúe á mellora da expedición.

Rosa Quintana sinalou que a través das axudas, como a que recibiu este proxecto, a Consellería do Mar busca impulsar iniciativas que contribúan a aumentar o emprego e a cohesión territorial nas comunidades pesqueiras e acuícolas, diversificar as actividades realizadas no marco da pesca e aumentar o valor e promoción da innovación en todas as fases da cadea de subministración dos produtos da pesca e da acuicultura. Tamén teñen como obxectivo, engadiu, impulsar o patrimonio cultural pesqueiro, acuícola e marítimo.

A titular de Mar lembrou que, ademais destas axudas, a Xunta pon a disposición dos GALP outras para proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). A elas, a Consellería do Mar destina na convocatoria deste ano máis de 311.500 euros e teñen como obxectivo estimular a cooperación dos GALP para que accedan a información e novas ideas e aprendan doutros grupos, rexións ou países. Os importes destinados a ambas liñas de axudas, cofinanciadas co FEMP, sairán publicados mañá no Diario Oficial de Galicia.
 

Mariscos O Grove

A empresa Mariscos O Grove, situada neste concello, dedícase á venda ao por maior de marisco e de peixe por internet. O seu produto procede de diversas lonxas das rías baixas e garante a súa procedencia a través do selo de calidade pescadeRías. Para o envío do produto utiliza caixas isotermas con xeles de xeo, o que permite manter a cadea de frío e a súa conservación.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 03/01/2018