A Xunta coñece de primeira man os servizos de emerxencias do concello de Padrón que nos últimos anos recibiu equipamento por valor de máis de 112.000 euros

O director xeral de Emerxencia e Interior, Luis Menor, visitou esta mañá a sede dos voluntarios de Protección Civil e o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da localidade

A Dirección Xeral de emerxencias tamén mantén dende o hai dous anos un convenio co grupo de rescate de persoas desaparecidas con guías e cans
 

Padrón (A Coruña), 3 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, visitou hoxe o concello de Padrón onde foi recibido polo seu alcalde Antonio Fernández Angueira, para coñecer de primeira man a sede da Agrupación de voluntarios de protección civil (AVPC) e o Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES), que recibiron nos últimos anos equipamento para as emerxencias cun valor que supera os 112.000 euros.

Segundo explicou Luis Menor, o concello de Padrón recibiu un vehículo todo terreo pick-up, un Remolque con carpa presurizada, un remolque de Emerxencias e unha embarcación pneumática, ademais dun equipo de excarceración, 3 traxes e unha pértiga para a loita contra a vespa velutina

O director xeral indicou que a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Padrón foi rexistrada no ano 1995 co número 90, e dende entón sigue ininterrompidamente a súa labor na prevención e intervención, no seu caso, das emerxencias, tanto no seu termo municipal como axudando aos concellos limítrofes.

No ano 2013 inicia a súa andaina o Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) que ven a reforzar as actividades desenvolvidas pola AVPC. Ambas entidades comparten base, medios e recursos. O GES atende os concellos de Padrón, Rois e Dodro, podendose desprazar tamén a zonas limítrofes dos concellos de Teo e Pontecesures. As principais actuación atendidas no último ano foron accidentes de tráfico, incendios forestais, participación en eventos de aglomeración de persoas, avisos por vespa velutina e busca de persoas.

No seo da AVPC e GES formaron un grupo de busca e rescate de persoas desaparecidas con guías e cans de busca, polo que dende o ano 2016 asinouse un convenio de colaboración con concello que posibilita o funcionamento do dito grupo, actuando non só na comarca de Padrón senón noutros concellos onde son necesitados a través do 112. O conforma catro guías e 6 cans xa adestrados e operativos tendo outros 3 cans en fase de aprendizaxe.