Feijóo cualifica a ampliación de capacidade da AP-9 ao seu paso por Santiago como unha infraestrutura estratéxica para a cidade, para a súa área metropolitana e para Galicia

Destaca o importante investimento desta obra, que se atopa por riba dos 80 millóns de euros

Asegura que a cidade está desde hoxe moito mellor preparada para exercer o seu histórico papel de lugar de encontro, de fin do camiño e de punto de partida desde o que descubrir Galicia

Subliña que o paro nesta Comunidade baixou algo máis dun 10 por cento no ano 2017 e que as afiliacións á Seguridade Social subiron preto de 22.000
 

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou hoxe a ampliación de capacidade da AP-9 no tramo Santiago Norte-Santiago Sur como unha infraestrutura estratéxica para a cidade, para a súa área metropolitana e para Galicia.

Durante o acto de posta en servizo desta infraestrutura, Feijóo subliñou que a cidade está desde hoxe moito mellor preparada para exercer o seu histórico papel de lugar de encontro, de fin do camiño e de punto de partida desde o que descubrir Galicia.

Así mesmo, recordou que esta infraestrutura –cuxa inauguración se produce catro días despois da posta en servizo da ampliación da ponte de Rande– supón dar resposta a unha demanda fundada dos axentes económicos e sociais. Deste xeito, os miles de condutores que a empregan a diario atoparán un camiño máis seguro e máis rápido.

Pero ademais, o titular da Xunta salientou que esta infraestrutura supón un investimento moi importante, xa que se atopa por riba dos 80 millóns de euros. “Supón un antes e un despois para a conectividade de Santiago”, aseverou.

Así mesmo, destacou que o Goberno de España está a demostrar que entende a cidade de Santiago, ao reforzar con esta infraestrutura o papel de Compostela como gran centro das comunicacións viarias de Galicia. A este respecto, sinalou que os preto de nove quilómetros de autoestrada ampliada funcionarán como un nó de comunicacións con capacidade para prestarlle servizo ao conxunto de Galicia.

Enlace entre a autoestrada e a Cidade da Cultura


A continuación, o titular do Goberno galego cualificou de gratificante o feito de saber que o Goberno de España, que impulsou a execución desta ampliación, comezará as obras de construción do enlace entre a autoestrada e a Cidade da Cultura nos primeiros meses deste ano.


Durante a súa intervención, Feijóo tamén se referiu ao enlace orbital, unha actuación que cualificou como fundamental para finalizar todas as conectividades de Santiago cara aos polígonos industriais e de Santiago-Coruña e Coruña-Santiago cara ao aeroporto de Lavacolla. Pero ademais, sinalou que esta infraestrutura permitirá todos os movementos entre a AP-9 e a autovía Santiago-Lugo (A-54).

Así mesmo, o presidente da Xunta aproveitou este acto para salientar a importancia da comisión conxunta sobre a autoestrada, xa que permitiu poñer fin a unha situación gravosa: a obriga de financiar as subvencións das peaxes de Rande e A Barcala que se aplicaban nesta autoestrada estatal. Desta forma, recordou que todos os galegos nos liberamos da obriga de destinar a ese fin 400 millóns de euros ata o remate da concesión.

Ao fío disto, Feijóo fixo fincapé en que a Xunta e o Goberno central teñen o máximo interese en impulsar a capital de Galicia de cara ao próximo ano Xacobeo. Con este fin, indicou que ambas as dúas administracións están a colaborar no proxecto da estación intermodal, cuxas obras comezarán na primeira metade deste ano.

Para rematar, sinalou que a finalización das obras do AVE coa meseta a finais de 2019 será a mellor arma para conquistar o futuro que anhelan os galegos. A este respecto, destacou que a posta en servizo prevista para este ano do treito entre Zamora e Pedralba de la Pradería acurtará o tempo de viaxe entre Madrid e Galicia.

Datos do paro

Por outra banda, o presidente da Xunta valorou os datos do paro rexistrado e recordou que Galicia cumpre o obxectivo, dado que o paro nesta Comunidade baixou algo máis dun 10 por cento no ano 2017. “E, o que é máis importante, as afiliacións á Seguridade Social subiron preto de 22.000”, indicou, ao tempo que asegurou que Galicia é un bo lugar para investir.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/01/2018