A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, mantivo un encontro informal con mozos e mozas da área de Betanzos
A Xunta escoita as experiencias dos participantes no programa de mobilidade xuvenil Galeuropa

Esta iniciativa busca apoiar a mellora da empregabilidade dos mozos e mozas, de xeito que poidan constatar unha práctica formativa non retribuída no estranxeiro como parte do currículo

Un total de 415 rapaces e rapazas resultaron beneficiarios deste programa na convocatoria de 2017

No 2018, a administración autonómica ten previsto investir más de 2,5 millóns en Galeuropa
 

Betanzos (A Coruña), 3 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, mantivo hoxe un encontro informal cos oito participantes no programa Galeuropa procedentes da área de Betanzos. Unha reunión solicitada polos propios mozos e mozas para trasladar de primeira man á titular do departamento autonómico as experiencias vividas durante os meses que estiveron realizando prácticas formativas en Portugal, Eslovenia, Reino Unido, Irlanda e Malta.

Todos eles fixeron unha valoración positiva da súa estadía, que lles serviu non só para medrar no eido profesional, senón tamén no persoal. Estes son os dous obxectivos globais de Galeuropa que tamén busca apoiar a mellora da empregabilidade dos mozos e mozas, de xeito que poidan constatar unha práctica formativa non retribuída no estranxeiro como parte do currículo.

Na convocatoria de 2017, na que participaron estes rapaces e rapazas, Galeuropa contou cun orzamento superior aos dous millóns de euros, o que permitiu que 415 realizasen prácticas no estranxeiro nos pasados meses. Este orzamento destinouse a axudas individuais, axudas para entidades locais e entidades sen ánimo de lucro.
A contía da axuda por mozo/a outorgouse en función do país de realización da práctica formativa e en función da duración da mesma e inclúe unha axuda para os gastos de aloxamento e manutención e axuda para a viaxe, así como axuda para apoio lingüístico (150 euros) para as mobilidades individuais. No caso de proxectos de mobilidade de concellos e entidades sen ánimo de lucro, o importe total da axuda incluíu para a entidade de envío unha axuda á organización da mobilidade (550 euros por participante) e a súa execución, así como unha axuda á entidade de acollida.
Cómpre destacar que dado coñecido o éxito do programa en anos anteriores, a Xunta de Galicia prevé destinar a Galeuropa neste 2018 un orzamento superior aos 2,5 millóns de euros, cofinanciado polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil.
Empregabilidade a través da educación non formal
A repercusión dos programas de educación non formal está contrastada nos resultados do estudo Os programas da educación non formal e a empregabilidade xuvenil en Galicia, elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela no marco dun convenio de colaboración coa Administración autonómica. Dito informe acredita que Galeuropa, Iniciativa Xove e Voluntariado Xuvenil cumpriron coa súa finalidade última que identifica coa “mellora das competencias, habilidades e destrezas dos mozos participantes, cara a incentivar a súa participación social e facilitar a súa inserción laboral”.
Os programas dos que se deriva o dereito á expedición do certificado de educación non formal en materia de xuventude son, a día de hoxe, Iniciativa Xove, Erasmus+, Xuventude en Acción, A Xuventude no Mundo, Campos de Traballo, Galeuropa, Correspondentes xuvenís 3.0, Deseñando o teu futuro e Líderes de futuro.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/01/2018