A Xunta somete a información pública a conexión do Porto Seco de Monforte coa estrada N-120

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda acumula neste mesmo trámite a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polas futuras obras o que permite axilizar todo o proceso

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o obxectivo do Goberno galego é mellorar os accesos a plataforma lóxica para facela capaz de atraer novas empresas e xerar máis oportunidades de emprego
 

Monforte de Lemos (Lugo), 3 de xaneiro de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publicará mañá xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se somete ao trámite de información pública, durante o prazo dun mes, o proxecto de trazado da conexión do porto seco de Monforte de Lemos coas estradas autonómicas LU-933 e Nacional-120, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polas futuras obras.

Así o anunciou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante o acto de presentación desta nova iniciativa que suporá, unha vez que se complete, a mobilización dun investimento estimado en máis de 4,5 millóns de euros, se sumamos ás futuras obras de construción do novo vial os recursos previstos para a expropiación dos terreos necesarios e reposición dos servizos afectados.

Completar unha obra estratéxica

Balseiro salientou que o compromiso do Goberno galego é completar os accesos a esta plataforma loxística para que sirva como infraestrutura estratéxica para atraer novas empresas e nova oportunidades de emprego á comarca, toda vez que se consolide o proceso de recuperación económica.

Este novo paso dáse tamén despois do recente remate das obras de construción da nova depuradora, financiada ao 50 por cento pola Xunta de Galicia pese a ser un ámbito de competencia municipal (cun investimento de ao redor de 143.000 euros por cada unha das partes) que servirá para proporcionar un servizo de saneamento do que se carecía e vital para que as empresas poidan instalarse nas distintas parcelas.

A Xunta busca axilizar todos os trámites pendentes

O delegado territorial tamén explicou que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) acorda acumular e desenvolver nun só acto o trámite de información pública do futuro trazado e o relativo ás expropiacións, o que axilizará notablemente os pasos seguintes que en todo caso pasan por resolver, de producirse, as alegacións que poidan presentarse por particulares ou organismos antes do 15 de febreiro de 2018, data límite para facelo.

Glorieta e futura conexión coa autovía A-76

O obxecto do proxecto é prolongar o acceso ao Porto Seco ata a N-120. O actual viario de entrada á terminal intermodal de mercadorías foi executado en 2015 pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda, que inverteu un total 7,5 millóns de euros para executar a conexión dende a propia terminal ata a estrada autonómica LU-933 (Monforte - A Rúa), de 2,3 km de lonxitude.

O proxecto de trazado da nova estrada prevé a construción dunha glorieta e o seu punto final de intersección coa N-120 foi seleccionado de xeito que a conexión sexa perfectamente compatible e quede integrada coa futura autovía A-76 prevista polo Ministerio de Fomento. Ademais a futura vía terá una lonxitude de 1 quilómetro e contará con dous viadutos: un sobre a liña de ferrocarril Palencia-A Coruña e outro para salvar a canle alta do regadío do Val de Lemos. Ademais, previse a execución dun paso inferior para permitir a permeabilidade dos camiños de servizo proxectados

A nova conexión permitirá absorber o tráfico xerado pola área loxística e de intercambio de mercadorías do porto seco e constituirá a súa principal vía de unión coa Meseta e o sur de Galicia, ao tempo que evitará o paso de vehículos, sobre todo de tráfico pesado, polo núcleo urbano de Monforte de Lemos.

A Xunta a administración máis comprometida co porto seco

O porto seco de Monforte de Lemos concentra nun único espazo as actividades relacionadas coa intemodalidade estrada-ferrocarril. A totalidade do proxecto sumará unha superficie de 307.053 metros cadrados e xa acumula un investimento de preto de 20 millóns de euros, sufragados na práctica totalidade polo Goberno galego.

“Se hai unha administración sobre a que ninguén pode poñer en dúbida o compromiso co porto seco está é a Xunta, xa que asumiu máis do 90% do investimento realizado ata o de agora: cofinanciando a depuradora, pese a ser unha competencia municipal, investindo na urbanización dos espazos, desenvolvendo as estradas de conexións, como a que hoxe presentamos e incorporando distintas bonificacións no solo industrial para facer máis atractivo a instalación de empresas”-sinalou Balseiro a modo de conclusión.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/01/2018