A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica participou en Burela na presentación dos equipos para o tratamento de vísceras no peixe
A Xunta destaca a importancia da prevención para evitar os parasitos que poden afectar aos produtos pesqueiros

Mercedes Rodríguez explicou que a Xunta está traballando para mitigar a incidencia de parasitos no peixe, de feito está previsto crear un grupo de traballo a nivel estatal para facer un seguimento das accións propostas

Unha desas accións é a instalación de equipos de tratamento das vísceras do peixe como os da OPP de Lugo que se presentan hoxe
 

Burela (Lugo), 4 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, destacou hoxe en Burela a importancia das accións de prevención para avanzar na eliminación dos parasitos que poden afectar ao peixe. Un aspecto, sinalou, no que a Consellería do Mar leva tempo traballando. Así o explicou durante a presentación dos equipos para o tratamento de vísceras no peixe da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP-07).

A directora xeral advertiu que estas pautas para a redución do risco da presenza de parasitos deben abarcar toda a cadea alimentaria, desde as prácticas durante a captura e posterior manipulación e os tratamentos tecnolóxicos dos produtos procesados, ata as recomendacións dirixidas ao consumidor e á restauración colectiva, como últimos elos da cadea.

Neste sentido, explicou que se está colaborando activamente con outras administracións para mitigar a incidencia de parasitos nos produtos da pesca e no ecosistema. De feito, expuxo, está previsto crear un grupo de traballo a nivel estatal para facer un seguimento das accións plantexadas e a elaboración dunha norma de prácticas correctas de manexo das vísceras a bordo.

Ademais, engadiu a directora xeral, estase a traballar para conseguir a inactivación de larvas de parasitos a bordo e dentro destas accións está a instalación de equipos de tratamento das vísceras do peixe como os da OPP de Lugo que se presentan hoxe.

Estes equipos, denominados Tedepad, son da empresa galega Marexi, foron instalados en dous buques socios desta OPP que traballan no Gran Sol e son as primeiras máquinas deste tipo que se instalan en España. Trátase dun proxecto piloto de tratamento de vísceras para prevención de parasitos no peixe que se inclúe como medida novidosa no plan de produción e comercialización desta OPP e que conta con financiamento da Consellería do Mar a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 04/01/2018