A Xunta destina máis de medio millón de euros para favorecer a contratación de 62 persoas no concello de Lugo

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou hoxe ao alumnado dos dous obradoiros de emprego que, financiados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, se desenvolven na localidade

A maiores, o Goberno galego tamén apoia a formación de 21 persoas na especialidade de atención sociosanitaria no fogar, a través de dous cursos concedidos ao Concello de Lugo
 

Lugo, 4 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina máis de 520.000 euros a financiar a contratación de 62 persoas que se atopaban en situación de desemprego e que, co apoio da Administración autonómica, pasaron a reforzar os servizos municipais do Concello de Lugo.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, deu conta deste dato esta mañá durante a visita ao alumnado dos dous obradoiros de emprego que se están a desenvolver na localidade e que constitúen unha das principais apostas da Xunta no marco das políticas activas de emprego e, de feito, permitiron impulsar un total de 37 novas contratacións.

A Xunta apoia dous obradoiros de emprego

En concreto, na cidade de Lugo, a Xunta financia con máis de 223.000 euros o obradoiro Tic Arqueolóxico, con sede no Centro Social do Vello Cárcere, e no que 16 alumnos traballadores, un director e dous monitores, desenvolven un proxecto de promoción e posta en valor dos recursos patrimoniais e culturais do Concello de Lugo a través das novas tecnoloxías.

Tamén neste municipio a Xunta apoia con máis 140.000 euros outro obradoiro de emprego, o Lugo Coidate, que permitiu a contratación de 15 alumnos-traballadores menores de 30 anos, e de tres persoas máis entre persoal de dirección e monitores. Enmarcado no programa de Garantía Xuvenil desenvolve a súa actividade no ámbito da atención sociosanitaria e de dinamización de actividades de tempo libre infantil e xuvenil.

Cómpre lembrar que os beneficiarios deste programa reciben formación e un contrato de traballo, ademais dun certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio español. Ademais, adquiren novos coñecementos teóricos e prácticos na especialidade profesional correspondente e vén mellorado o seu currículo ao realizar un traballo que está remunerado.

20 contratacións adicionais de perceptores da Risga

A maiores, a Xunta tamén apoia a contratación adicional por parte do Concello lucense de 20 persoas que estaban percibindo a renda de integración social de Galicia (Risga), un programa cun marcado carácter social por canto ofrece unha oportunidade de incorporación ao mercado laboral a persoas con necesidades especiais, que nalgúns casos están en risco de exclusión. O investimento nesta actuación alcanza case os 142.000 euros.

Igualmente, a Xunta fixo posible a contratación de 5 traballadores máis –que participaron en labores de socorrismo- a través dos programas de cooperación para os que a Xunta achegou un total de 15.000 euros.

Dous cursos de formación con 21 alumnos

Finalmente, aínda que no ámbito da formación para o emprego, a Xunta tamén concedeu ao Concello de Lugo dous cursos na especialidade de atención sociosanitara a persoas no fogar, de 618 horas de duración cada un deles e do que se benefician 21 alumnos. Para este fin a Administración achega un total de 87.800 euros, para os dous cursos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/01/2018