A Xunta avanza no seu obxectivo de conseguir mercados excelentes cunha nova actuación na praza da Guarda

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou hoxe esta infraestrutura da localidade pontevedresa, clave para a dinamización do comercio de proximidade, na que se instalou un ascensor panorámico para mellorar a accesibilidade

Desde 2013, o Goberno galego leva destinados máis de 250.000 euros para a realización de melloras neste espazo e 30.000 euros desde 2010 á asociación de praceiros e praceiras do mercado Mercaguarda para accións de dinamización

O impulso ao sector comercial é unha prioridade para a Xunta, que ten en marcha un Plan estratéxico que destinará 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego

A Guarda (Pontevedra), 10 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, destacou esta mañá na Guarda que a Xunta avanza no seu obxectivo de conseguir mercados excelentes. Tal e como sinalou, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de apoiar a instalación dun ascensor panorámico e outras actuacións de mellora no mercado desta localidade, unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade.

A directora xeral explicou que, entre as accións desenvolvidas, destacan as obras realizadas para a colocación dun ascensor panorámico na praza de abastos para garantir a accesibilidade. Ademais, situouse unha pasarela e varanda de vidro para protexer a zona de desembarque do primeiro andar do edificio. A actuación incluíu, tamén, investimento en mobiliario: seis papeleiras, tres xardineiras, dous sillóns e un banco. A Xunta apoiou estes traballos aportando un 30% do investimento xa que a porcentaxe de financiación nas axudas para a consecución da categoría de Mercado Excelente varía en función da fase na que se atope a praza de abastos. Así, nos mercados onde sexa preciso a realización de obras de adecuación das instalacións a porcentaxe será do 30%, incrementándose ao 50% para os mercados que se atopen nunha fase máis avanzada e previa para a consecución da excelencia e ao 70% para os mercados que xa teñan a consideración de excelentes e dirixan a inversión ao mantemento e mellora da mesma.

A esta actuación súmanse outros traballos de remodelación, modernización e asesoramento no mercado da Guarda nos que, desde 2013, se levan investido máis de 250.000 euros. Por outra banda, a Xunta destinou, desde o ano 2010, máis de 30.000 euros en axudas á asociación de praceiros e praceiras Mercaguarda para a realización de actuacións de dinamización.

Estes apoios enmárcanse no programa de impulso aos mercados e prazas de abastos posto en marcha polo Goberno galego co obxectivo de acadar a excelencia destes espazos e forma parte do Plan de mercados excelentes de Galicia 2016-2020 que recolle un total de 20 actuacións específicas coas que se pretenden potenciar estas infraestruturas comerciais como espazos de emprendemento e de dinamización económica, adaptados aos novos hábitos dos consumidores e vinculados ao territorio.
A directora xeral lembrou que a Xunta ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación e, como mostra, concedeu en 2017 apoios por preto de 820.000 euros tanto para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais como para a posta en marcha dos espazos activos de emprendemento comercial. Axudas que se suman ás concedidas ás asociacións de comerciantes para a dinamización de 51 centros comerciais abertos e a 28 agrupacións de praceiros para o desenvolvemento de preto de 700 actuacións en toda Galicia cun investimento de 2 millóns de euros.

Todo este conxunto de medidas intégranse no Plan estratéxico de impulso ao comercio que destinará 70 millóns de euros ata 2020 para modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/01/2018