Medio Ambiente apoia un proxecto de recuperación dos ecosistemas mariños da Illa de Sálvora

Trátase dunha iniciativa que lidera a Fundación Biodiversidade, en colaboración co Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente a través do Programa Pleamar, á que se destina un orzamento de case 60.000 euros

O obxectivo é crear unha rede de traballo multidisciplinar para fomentar o coñecemento, a xestión do lixo mariño e a conservación dos recursos biolóxicos, así como recoller as artes de pesca perdidas, nos fondos mariños e nas praias
 

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará no proxecto Rede para a recuperación dos ecosistemas mariños n Parque Natural Marítimo Terrestre Illas Atlánticas de Galicia, e que se levará a cabo na Illa de Sálvora.

O director-conservador do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, José Antonio Fernández Bouzas, e o presidente do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, José Pelayo Míguez Baños, presentaron esta mañá esta iniciativa, que conta coa colaboración do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente a través do Programa Pleamar, á que se destina un orzamento de case 60.000 euros.

O obxectivo principal é recuperar a biodiversidade e os ecosistemas mariños do arquipélago de Sálvora dende a sostibilidade, polo que se creará unha rede de traballo multidisciplinar para fomentar o coñecemento, a xestión de lixo mariño e a conservación dos recursos biolóxicos mariños; e se recollerán as artes de pesca perdidas e outros refugallos mariños tanto nos fondos como nas praias. Tamén se celebrarán xornadas informativas e de formación para fomentar a participación dos pescadores e voluntarios na protección e recuperación da biodiversidade, así como integrar a igualdade e a sustentabilidade na conservación da biodiversidade.

Dende a Consellería de Medio Ambiente deféndese que a sostibilidade do proxecto pasa por integrar a conservación da biodiversidade e os recursos naturais na poboación local, coa maior participación posible, sobre todo do sector pesqueiro, polo que ademais de traballar con investigadores do CSIC e das universidades galegas, tamén se traballará estreitamente cos entidades do sector, asociacións, empresas de integración social, voluntarios e veciños.

A conservación da biodiversidade é un aspecto fundamental para a supervivencia e o equilibrio de todos os ecosistemas, tanto dende o punto de vista económico, como social e medio ambiental. Non obstante, o aproveitamento de recursos e a convivencia de especies pode implicar unha serie de amezas sobre o medio que poden transformarse nun desequilibrio ecosistémico e socioeconómico, se non se intervén a tempo; polo que iniciativas como a presentada esta mañá axudan a identificar e paliar as posibles alteracións e minimizar ou previr a perdida de biodiversidade.
 

Data de actualización: 11/01/2018