O Goberno galego impulsa a contratación de 1.300 desempregados en concellos rurais e en 700 pemes e empresas de base tecnolóxica

Feijóo subliña que a primeira iniciativa, o Aprol Rural, reservará 7 millóns de euros para que os concellos contraten persoal dedicado á valorización do monte

Indica que o segundo dos programas incluirá incentivos á contratación nas pequenas e medianas empresas, 4,2 millóns para favorecer a contratación de 550 persoas con dificultades para acceder ao mercado laboral

Di que a terceira liña de axudas, cun orzamento de máis de 2,7 millóns, apoiará as pequenas empresas de nova creación e os proxectos nados nas universidades
 

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a convocatoria dun paquete de tres axudas, dotadas con 14 millóns de euros, para incentivar a contratación de 1.300 desempregados en 220 concellos rurais e en 700 pemes e empresas de base tecnolóxica.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo subliñou que a primeira iniciativa, relacionada co impulso do agro, consistirá nunha nova convocatoria do programa Aprol Rural, que destinará 7 millóns de euros -5 millóns nunha primeira convocatoria, ampliable en 2 millóns- para apoiar a contratación de 430 desempregados en 220 municipios.

Nesta edición, que estará reservada aos contratos relacionados coa valorización do monte -silvicultura, biomasa, limpeza ou outros labores do sector forestal-, terán prioridade os Concellos Emprendedores, é dicir, aqueles que se adhiran ao convenio coa Fegamp para captar investimento na Comunidade, polo que o orzamento das liñas de axudas que a Xunta prioriza para as entidades locais que se adhiran ao convenio coa Fegamp para impulsar a captación de novas empresas aumenta ata os 50 millóns.

Logo de precisar que o Executivo autonómico financiará a totalidade dos custos salariais dos contratos, que deberán ter unha duración mínima de 9 meses e ser a tempo completo, Feijóo avanzou que o segundo programa incluirá incentivos a contratación nas pequenas e medianas empresas.

Serán 4,2 millóns para favorecer a contratación de 550 persoas con dificultades para acceder ao mercado laboral. O primeiro contrato, que deberá durar como mínimo un ano, apoiarase con 4.000 euros, sempre que se contrate a un parado de longa duración, con discapacidade ou en risco ou situación de exclusión social.

Esta contía aumentará nun 25% acumulable para mulleres, maiores de 45 anos, emigrantes retornados ou empresas situadas no rural, ascendendo a contía máxima da axuda a 8.000 euros. E, como novidade, incluirase un bono de formación de 1.000 euros por persoa contratada, que será opcional para as empresas.

No tocante á terceira das liñas de axudas, cun orzamento de máis de 2,7 millóns, o titular da Xunta explicou que esta destinarase a fomentar e consolidar o emprego nas pequenas empresas de nova creación e en iniciativas de carácter tecnolóxico, é dicir, en proxectos innovadores xurdidos na Universidade.

En relación ás pequenas empresas de nova creación, estableceranse axudas para xerar emprego estable, formar os xerentes ou financiar gastos de constitución da empresa, arrendamento do local, maquinaria ou equipamentos informáticos, entre outros.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/01/2018