Feijóo salienta que a Axencia Galega de Infraestruturas xestionará entre 2018 e 2019 un orzamento de 561 millóns para a ampliación e a mellora da rede autonómica de estradas

A AXI comezou xa a traballar con estes recursos, dando continuidade a actuacións en execución como a construción da autovía do Morrazo ou a Variante de Aradas

Continuará coa execución de actuacións enmarcadas na estratexia de eliminación de todos os tramos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica

Avánzase na construción de itinerarios peonís e ciclistas seguros e integrados na paisaxe, ata chegar ao obxectivo de 170 quilómetros de sendas
 

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) xestionará, entre 2018 e 2019, un orzamento de 561 millóns de euros para a ampliación e a mellora da rede autonómica de estradas, o que supón un 14,5 por cento máis que no período anterior.

Durante a súa intervención, Feijóo subliñou que a AXI comezou xa a traballar con estes recursos económicos, dando continuidade a actuacións en execución tan importantes como a construción da autovía do Morrazo ou a Variante de Aradas.

Así mesmo, lembrou que no último trimestre do 2017 licitou obras polo procedemento anticipado de gasto, o que permitiu a licitación da nova conexión do Polígono de San Cibrao das Viñas coa A-52; ou dos acondicionamentos das estradas AC-406, en Santa Comba, ou da AC-100, en Mañón, entre outras. Ademais, grazas a este procedemento licitáronse obras de reforzo do firme en distintas estradas autonómicas galegas, un ámbito que incrementa a súa dotación un 33 por cento, pasando dos 15 aos 20 millóns de euros.

Así mesmo, a Xunta tamén continuará coa execución de actuacións enmarcadas na estratexia de eliminación de todos os tramos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica, cun investimento previsto de 12,3 millóns.

O presidente do Executivo autonómico afirmou que o Plan de Sendas de Galicia será tamén outro eixo fundamental da actividade da Axencia, referíndose así ao avance na construción de itinerarios peonís e ciclistas seguros e integrados na paisaxe ata acadar os 170 quilómetros proxectados.

Por último, e dentro do obxectivo de centralizar os procesos de contratación e construción dos centros sociosanitarios e educativos, Feijóo aseverou que, en 2018 e 2019, a AXI intensificará o seu labor na execución de equipamentos por encomenda doutras ramas do Goberno galego.

Sobre este punto, lembrou que a día de hoxe estanse executando obras como a ampliación do Hospital Público da Mariña; a construción de varios centros de saúde; a ampliación do Ifevi en Vigo; ou a integración paisaxística dos Camiños de Santiago na capital galega.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/01/2018