A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, visitou hoxe as instalacións
Galicia incorpora unha nova instalación á rede española de albergues xuvenís coa entrada do albergue Bela Muxía

A Comunidade Autónoma conta na actualidade con dez equipamentos incluídos na Rede Española de Albergues, catro deles de titularidade da Xunta: o albergue de Gandarío, no municipio de Bergondo; e as residencias xuvenís Lug II, en Lugo; Florentino López Cuevillas, en Ourense; e Altamar, en Vigo

Muxía (A Coruña), 11 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, visitou na xornada de hoxe as instalacións do albergue Bela Muxía, que recentemente se incorporou á Rede Española de Albergues Juveniles REAJ). Nesta rede Galicia está representada con dez equipamentos, catro deles de titularidade da administración autonómica: o albergue xuvenil de Gandarío, no municipio de Bergondo; e as residencias xuvenís Lug II, en Lugo; Florentino López Cuevillas, en Ourense; e Altamar, en Vigo.

Cecilia Vázquez valorou que a adhesión de Bela Muxía á REAJ incrementa a oferta de aloxamento para a xente nova. Así mesmo, lembrou que a través desta rede o seu departamento autonómico desenvolve distintos programas de intercambios xuvenís, grazas aos cales a os mozos e mozas benefíciase dunha oportunidade única de experimentar, vivir e colaborar noutros albergues de dentro e fóra de España co obxectivo de mellorar os seus coñecementos.

As instalacións de Bela Muxía destacan polo seu deseño e funcionalidade, participando na Bienal de Venecia de arquitectura 2016. Ademais, a súa paxina web foi premiada pola Cámara de Comercio de España como programa de éxito. O albergue dispón de 64 prazas e servizos de comedor, duchas, lavandería, garaxe para bicicletas, wifi, internet, terraza e miradoiro, entre outras comodidades. Esta iniciativa estivo presente en Fortumarl, foro de turismo e marketing de Ferrol onde se puxo como exemplo de éxito

Ademais, contén unha exposición temática de lendas, poemas e textos relacionados co mar e coa cultura da Costa da Morte, creados por autores universais como Rosalía de Castro, García Lorca ou José Saramago, entre outros.

O Bela Muxía foi escenario do videoclip de Luar na Lubre titulado ‘The sailors hornpipe/Pasacorredoiras’, e acolle o desenvolvemento de actividades culturais: presentacións de libros, concertos, recitais de poesía ou exposicións de arte, entre outras.

Data de actualización: 11/01/2018