Román Rodríguez avoga pola valorización da paisaxe e o patrimonio como oportunidade de desenvolvemento territorial e económico

Presentado o Catálogo da exposición “Paisaxe e Patrimonio: un percorrido polo territorio a través do Arquivo de Galicia”

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, puxo hoxe de manifesto a importancia da valorización da paisaxe e o patrimonio cultural como elementos dinamizadores do desenvolvemento territorial, económico e social de Galicia. Así o salientou esta tarde durante a presentación do Catálogo da exposición “Paisaxe e Patrimonio: un percorrido polo territorio a través do Arquivo de Galicia”, un manual que ten como punto de partida a exposición que baixo este mesmo título se celebrou na Cidade da Cultura de Galicia.

En palabras do conselleiro, esta publicación configúrase coma un “vademécum da paisaxe e do patrimonio galegos” e, por tanto, coma un instrumento fundamental para identificar as súas áreas, protexelas e preservar os seus valores.

Ademais da reprodución dos materiais gráficos e das pezas que formaron parte da mencionada exposición, o catálogo está enriquecido con artigos de expertos relacionados coa paisaxe desde distintos ámbitos (o normativo, a aplicación practica desa normativa, a análise da cartografía, a incidencia dos cambios urbanísticos, ou a visión dos xeógrafos, entre outros). Trátase por tanto, dunha obra que aborda a interrelación entre a paisaxe e o patrimonio desde unha perspectiva multidisciplinar.

Román Rodríguez subliñou que a riqueza paisaxística representa un valor universal que hai que protexer. Neste senso, desde o Goberno galego estanse desenvolvendo iniciativas entre as que cómpre destacar a vixente Lei do Patrimonio Cultural, que incorpora novos modelos e perspectivas para a valorización da paisaxe e do patrimonio, entre elas a categoría de “paisaxe cultural”. Así mesmo, Galicia é a primeira CCAA en promover ensinanzas educativas medioambientais e patrimoniais a través da materia de libre elección “Paisaxe e Sustentabilidade”, diversos programas educativas ao abeiro do Plan Proxecta (Meteoescolas, proxecto Terra, Proxecto ríos, Naturézate,...), ou o primeiro grao Interurniversitario de Paisaxe, que se porá en marcha no curso 2018/19.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/01/2018