O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asistiu á sesión
Galicia acolle por primeira vez a asemblea xeral da Rede Española de Albergues Xuvenís que axuda a impulsar estes establecementos na comunidade

Á reunión acudiron responsables do eido da mocidade doutras comunidades autónomas

O territorio galego conta con dez aloxamentos deste tipo nas catro provincias

Durante o primeiro semestre de 2018, a nosa comunidade asumiu a representación autonómica no grupo de traballo de xuventude no seno do Consejo de Educación, Cultura, Juventud y Deportes do Consejo de la Unión Europea
 

Santiago, 12 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou esta mañá na asemblea xeral da Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ) celebrada en Santiago, na que se fixo un resumo da actividade deste organismo así como das estatísticas de pernoitas nos establecementos que o integran. Á reunión asistiu a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e os responsables do eido da mocidade doutras 12 comunidades autónomas.

A REAJ está á cabeza das asociacións de albergues a nivel mundial, ofrecendo unha gran variedade de aloxamentos de calidade a prezos asequibles. Esta rede está formada por máis de 290 albergues en todo o territorio español que contan con case tres millóns de pernoitas ao ano.

A través da REAJ, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado tamén desenvolve programas de intercambios xuvenís, grazas aos cales a mocidade galega benefíciase dunha oportunidade única de experimentar, vivir e colaborar nos albergues doutros países co obxectivo de mellorar os seus coñecementos nun ambiente internacional.

Esta sesión ten unha gran importancia para o impulso do tecido alberguista galego que conta con 10 albergues: Monte do Gozo, Gandarío, Artsurfcamp e Bela Muxía na Coruña; o albergue residencia xuvenil Lug II en Lugo; San Xoán de Río, As Corcerizas, albergue residencia Florentino López Cuevillas e Equal Sociedad Cooperativa Galega en Ourense; e o albergue residencia xuvenil Altamar na provincia de Pontevedra.

Os albergues da REAJ cobren os principais destinos turísticos e están situados en lugares estratéxicos que ofrecen amplas posibilidades para a práctica de actividades recreativas.

A REAJ distribúe o carné de alberguista en España, que ten validez internacional e conta con máis de 4 millóns de socios en todo o mundo. Existen catro modalidades de carné: xove, adulto, familiar e grupo. No DOG do 4 de xaneiro do 2018 aprobouse unha baixada do prezo de venda ao público deste documento co obxectivo de incrementar a súa implantación e fomentar as pernoitas. De agora en diante, os galegos e galegas titulares destes carnés pagarán o mesmo que no resto do territorio español, aboando 5, 10, 16 ou 18 euros en función da modalidade do carné.

Cómpre destacar que a REAJ ofrece un programa de descontos aos seus usuarios en máis de 300 empresas españolas.

Galicia, representante español en Europa

Galicia vén de asumir a representación autonómica no grupo de traballo de xuventude no seno do Consejo de Educación, Cultura, Juventud y Deportes do Consejo de la Unión Europea, tarefa que lle corresponderá durante o primeiro semestre de 2018.

Entre as relevantes tarefas que se derivan desta representación está a distribución entre as comunidades autónomas da información relativa aos grupos de traballo e outras instancias do Consejo, así como a promoción da adopción de posicións comúns. O organismo responsable de exercer estes cometidos de coordinación en Galicia será a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Así mesmo, Rey Varela participará no consello da Unión Europea que se celebrará no vindeiro mes de maio.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/01/2018