A Xunta valora de maneira positiva Xuntos polo Nadal para favorecer a convivencia e a participación das persoas maiores

Un total de 240 persoas de 60 ou máis anos de idade que viven soas nos seus domicilios desfrutaron dun Nadal en compañía nas residencias de tempo libre do Carballiño, en Ourense, e de Panxón, no municipio pontevedrés de Nigrán

A principal novidade desa última edición foi a ampliación da estancia ata o 7 de xaneiro

Este programa axústase ao obxectivo de promover un envellecemento activo e saudable, favorecendo a participación activa das persoas maiores na sociedade
 

Santiago de Compostela 13 de xaneiro de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Política Social fai un balance positivo da nova edición do programa Xuntos polo Nadal, unha iniciativa impulsada pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade que permitiu que 240 persoas de 60 u máis anos de idade que viven soas nos seus domicilios pasaran estas datas tan especiais en compañía e desfrutando de actividades de lecer nas residencias de tempo libre do Carballiño, en Ourense, e de Panxón, no municipio pontevedrés de Nigrán.

Conforme aos obxectivos marcados polo Plan Estratéxico Galicia 2015-2020, o Goberno galego desenvolve Xuntos polo Nadal dentro das accións de promoción do envellecemento activo. Este programa cobra especial sentido en Galicia. Na nosa comunidade máis de 121.000 galegos e galegas de 65 ao máis anos viven sos e, deles, ata 80.000 persoas maiores vense abocadas a esta situación tras perder a súa parella.

A Xunta de Galicia non é allea á situación destas persoas e, ao longo do ano, articula diferentes programas para combater o sentimento de soidade e favorecer a participación dos maiores. Nesta política enmárcanse intervencións como Benestar en balnearios, os seminarios e accións de formación coas universidades galegas, a iniciativa Escola de avós e avoas educadores e, nomeadamente, Xuntos polo Nadal.

A última edición de Xuntos polo Nadal que vén de rematar levouse a cabo entre os pasados días 23 de decembro e 7 de xaneiro. Así, o programa comezaba xa nos días previos ás datas sinaladas de Noiteboa e Nadal, de modo que as persoas participantes puideron adaptarse ao seu novo fogar e comezar a tecer relacións sociais con aquelas persoas que convivirían nas vindeiras xornadas. Abrangue tamén Fin de Ano e Aninovo e, como novidade, esta edición prolongouse ata o 7 de xaneiro, completando o calendario festivo e incluíndo o día de Reis. Estender máis aló do 2 de xaneiro a iniciativa foi unha medida moi valorada polos beneficiarios e beneficiarias do programa.

As 240 prazas que se ofertaron na edición 2017-2018 de Xuntos polo Nadal resultaron ocupadas: 120 na residencia de tempo libre do Carballiño para as persoas solicitantes das provincias de Lugo e Pontevedra; e outras 120 na residencia de tempo libre de Panxón para os maiores procedentes das provincias da Coruña e Ourense. O número total de solicitudes que se presentaron foi de 323, e o orzamento do programa ascendeu a algo máis de 90.000 euros.

Entre os requisitos para acceder ao programa estaba vivir só no domicilio e ter que pasar sen compañía estas datas de Nadal. Os criterios de preferencia que se estableceron para acceder as prazas foron: perder o cónxuxe ou persoa coa que convivise nos últimos anos, aquelas persoas que teñan máis idade, aqueles e aquelas con menores niveis de ingresos económicos, e non ter tomado parte no programa en anteriores edicións.

Os maiores desfrutaron de aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa por espazo de 16 días e 15 noites. Ademais, a Xunta asumiu os desprazamentos en autocar desde as correspondentes cidades –A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo- ata as residencias.

Cómpre subliñar que a estancia incluíu a posibilidade de tomar parte nun completo programa de actividades guiadas por animadores socioculturais. Esta programación estruturouse en horario de mañá, tarde e noite, de modo que se cubriran todas as franxas do día. Ofrecéronse desde actividades no exterior como paseos pola praia, visitas a monumentos e conxuntos arquitectónicos, como interior tal que obradoiros e festas: ximnasia, ioga, psicomotricidade, xogos de mesa, bingo, taller de memoria, taller de lectura, estimulación sensorial, baile e karaoke, actuacións musicais, etc.

Por último, Xuntos polo Nadal contou coa participación de voluntariado. En concreto, 12 persoas -9 en Panxón e 3 no Carballiño-, grazas a implicación da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Estes voluntarios proporcionaron apoio e acompañamento aos maiores, e tamén colaboraron nas actividades lúdicas que se realizaron.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/01/2018