A Xunta inviste máis de 74.000 euros na mellora da iluminación pública en diferentes zonas do Concello de Negreira

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde da localidade, Jorge Tuñas, asinaron hoxe na Coruña as actas de recepción das obras

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza financiou os traballos con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental

A Coruña, 12 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asinou xunto ao alcalde de Negreira, Jorge Tuñas, as actas de recepción das obras realizadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
En total, investíronse máis de 74.000 euros na renovación e a mellora da iluminación pública no termo municipal. En concreto, a actuación consistiu na colocación de 33 puntos de luz nas rúas Teresa Fabeiro e Xosé M. López Ardeiro, así como na contorna do instituto Xulián Magariños, ademais dun cambio do cadro de enganche en Rosalía de Castro, de onde parte a rede de enerxía para as devanditas rúas. Igualmente, dotouse a toda a instalación dun reloxo astronómico.


As subvencións do Fondo de Compensación Ambiental correspóndelles aos concellos que teñen o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou están afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.

No caso de Negreira, o municipio alberga 49 aeroxeneradores e preto de oito quilómetros de liñas. Estas axudas, concedidas a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/01/2018