A Xunta e a Universidade da Coruña renovan o seu compromiso para fomentar a investigación e control da calidade dos hidrocarburos

Este novo acordo, que ten un investimento global de 615.800 euros, materializarase durante 2018 e 2019 co obxectivo de protexer aos consumidores

A colaboración, que se mantén desde o ano 2002, ten permitido a realización de 800 controis ao ano e a formación e consolidación dun grupo de investigación estable

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, renova coa Universidade da Coruña (UDC), por dous anos, o convenio de colaboración para o fomento da investigación e a realización de probas de control de calidade dos hidrocarburos na Comunidade.

Cun investimento global de 615.800 euros para os anos 2018 e 2019, este acordo ten por obxectivo garantir a calidade dos produtos petrolíferos á venda en Galicia, así como o desenvolvemento científico e tecnolóxico da Comunidade no eido enerxético, xa que a colaboración permite a formación de novos investigadores.

Desde xeito, a Xunta, que considera fundamental exercer un control dos hidrocarburos para protexer aos consumidores, cooperará co laboratorio de ensaio de combustibles (Labcomb) que a UDC ten nas instalacións do Centro de Investigacións Tecnolóxicas en Ferrol e que é o único en Galicia que conta coa acreditación ENAC precisa para a realización de ensaios de produtos petrolíferos.

Ademais de garantir a calidade dos produtos á venda en Galicia -o laboratorio realiza unha media de 800 controis ao ano de gasolinas, gasóleos, fuelóleos, gases licuados do petróleo e gas natural-, a colaboración entre a Xunta e a UDC, que se mantén desde 2002, ten posibilitado a formación e consolidación dun grupo de investigación estable, así como a formación continua do seu persoal, o que supuxo a mellora e ampliación das súas liñas de investigación.

Esta cooperación tamén apoia a formación de novos investigadores e de profesionais altamente cualificados en materia de ensaios de combustibles grazas á participación de xeito continuado nas tarefas de investigación e análise de estudantes de terceiro ciclo da UDC e da realización de prácticas formativas por parte do alumnado do ciclo medio e superior de laboratorio.

Con este convenio, a Xunta e a UDC suman esforzos para contribuír ao impulso do desenvolvemento científico e tecnolóxico de Galicia no eido enerxético que está directamente vinculado co crecemento da actividade económica, polo que se considera prioritario como motor do progreso da Comunidade.

Data de actualización: 13/01/2018