Santiago acolle o X Curso de Formación de Datos de Actividade Física Saudable dirixido a 30 profesores de centros educativos participantes no Plan Proxecta

Ao longo destes anos DAFIS ten demostrado ser unha plataforma útil para o seguimento da evolución da condición física saudable do alumnado de Educación Primaria e Secundaria en Galicia, así como a evolución do IMC da poboación escolar avaliada, podendo establecer correlacións entre ambos parámetros
 

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

A Secretaría Xeral para o Deporte, da man da Fundación Deporte Galego, vén de levar a cabo o X Curso de Formación de Datos de Actividade Física Saudable (DAFIS) no que participaron un total de 30 profesores de Educación Física dos centros educativos participantes no Plan Proxecta. O obxectivo deste curso vencellado ao Plan Galicia Saudable é que os docentes coñezan a plataforma dixital de valoración da condición física saudable DAFIS e o seu vencello cos proxectos de vida activa en centros educativos, que coñezan tamén os protocolos e tests porpostos para a valoración da condición física saudable nos centros educativos a través da plataforma dixital DAFIS, así como o establecemento dun novo modelo de implantación da plataforma DAFIS, a nivel dos concellos galegos.

Ao longo destes anos DAFIS ten demostrado ser unha plataforma útil para o seguimento da evolución da condición física saudable do alumnado de Educación Primaria e Secundaria en Galicia, así como a evolución do IMC da poboación escolar avaliada, podendo establecer correlacións entre ambos parámetros.

DAFIS é unha plataforma cun gran potencial para a loita contra o sedentarismo, o sobrepeso e a obesidade infantil; unha ferramenta que mellora a saúde da nosa poboación a través da práctica regular de actividade física, exercicio físico e deporte.

DAFIS nos concellos

Este curso sucede ao IX Curso de Formación da Plataforma de Datos de Actividade Física Saudable celebrado no Centro de Iniciativas Empresariais de Camariñas (A Coruña). Cómpre salientar que a Secretaría Xeral para o Deporte está apostando por un novo modelo de DAFIS para vencellar esta plataforma aos proxectos de vida activa nos centros educativos a través dun novo modelo de implantación dirixido directamente aos concellos de Galicia xa que ata o momento actual a implantación da plataforma dirixíase exclusivamente aos centros que participan en programas de innovación educativa (Plan Proxecta da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria).

Esta nova modalidade posibilitará que máis centros se adhiran á Plataforma DAFIS e que os nenos e nenas de Galicia, que son os verdadeiros beneficiados, poidan realizar unha actividade física de mellor calidade grazas a esta diagnose realizada a través deste novo proxecto de colaboración institucional coordinado dende a Administración autonómica, e que implica a concellos, centros educativos, Anpas e a todo o tecido deportivo e promotor de vida activa de cada un dos concellos participantes.

Curso 2017-2018

Neste curso escolar 2017-2018 participan 58 centros educativos escolares galegos, 11 da provincia de Lugo, 7 de Ourense, 18 de Pontevedra e 22 da Coruña, dentro dos proxectos de innovación educativa realizados en coordinación co Plan Proxecta, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A Secretaría Xeral para o Deporte coordina, dentro deste Plan, os proxectos de vida activa e saudable, coa participación de 228 centros educativos, cos que a Secretaría Xeral e a Fundación Deporte Galego traballan conxuntamente para fomentar estes hábitos nos escolares galegos, e crear modelos de éxito replicables en todo o territorio.

Data de actualización: 13/01/2018