A secretaria xeral para o Deporte participa na XI Gala do Atletismo Galego onde recolle a medalla de ouro concedida pola Federación á Xunta

Destaca desta última tempada os récords de probas federadas na nosa Comunidade Autónoma cun total de 374 competicións e do número de medallas en campionatos de España cun total de 306 metais, cando no ano 2007 acadáronse menos da metade (134)

O Barco de Valdeorras (Ourense), 12 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, acompañada pola directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou no serán de hoxe na XI Gala do Atletismo Galego que se celebrou no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras e na que a Federación Galega de Atletismo recoñeceu o traballo da Xunta de Galicia en prol do deporte coa entrega da medalla de ouro, a máxima distinción que outorga esta entidade. A este respecto, a máxima responsable do deporte en Galicia destacou que “son moitas as cousas que facemos desde o Goberno Autonómico para fomentar o noso deporte e o atletismo”, e sinalou como mellor mostra dese apoio “a recentemente inaugurada pista cuberta de Ourense que atraerá a Galicia aos mellores competidores e ás mellores competicións”.

No seu discurso, Marta Míguez destacou a “etapa dourada” que está a atravesar o deporte galego e o atletismo. Así, lembrou que “o atletismo é o deporte que conta con maior número de participacións galegas ao longo de toda a historia dos Xogos” cun total de 25 atletas dos 106 olímpicos de Galicia.

Tocante a todo o acadado no ano 2017, a secretaria xeral destacou os récords de probas federadas na nosa Comunidade Autónoma cun total de 374 competicións e do número de medallas en campionatos de España cun total de 306 metais, cando no ano 2007 acadáronse menos da metade (134). Ademais, a titular de Deporte apuntou que as licenzas de atletas, clubs e adestradores seguen a medrar no atletismo e que nesta última tempada batéronse 256 récords galegos de todas as categorías (29 absolutos, 15 promesas, 14 júniors, 19 xuvenís, 22 cadetes, 5 infantís, 4 alevíns, 13 benxamíns e 135 veteranos).

Por todo iso, dixo Míguez, “os 160 premios que hoxe entrega a Federación Galega recoñecen todo ese traballo responsable do bo estado de saúde que atravesa o noso deporte”. Uns premios que “recoñecen aos nosos mellores atletas absolutos, promesas, júniors, xuvenís, cadetes, veteranos; ás mellores marcas da tempada; aos medallistas internacionais; aos mellores clubs, pero tamén a xuíces, adestradores e institucións porque en Galicia todos e todas, dun xeito ou doutro, facemos atletismo”. “Ese é o xeito que ten Galicia de contribuír o deporte de todos e de todas: un traballo coral a través da colaboración de todas as persoas e institucións que formamos unha intensa rede en prol do deporte de Galicia”, concluíu.

Data de actualización: 12/01/2018