Medio Rural afronta unha nova fase dos traballos de recuperación de solos coa retirada de madeira non comercial nunhas 300 hectáreas dos montes de Pontevedra

Os traballos que se levaron a cabo no último trimestre de 2017 centráronse no control de erosión do chan nos concellos de As Neves, Ponteareas, Mos, A Guarda, O Rosal, Caldas de Reis, Salvaterra de Miño, Vigo, Nigrán, Gondomar e Silleda

Só nesta provincia se procedeu á reparación de cunetas e do firme de pistas en máis de 77.000 metros lineais, dos 88.000 m previstos
 

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural segue a traballar intensamente na recuperación dos montes tras a vaga de lumes de outubro do pasado ano. Neste senso, e logo de rematar as accións de consolidación de solos nos principais incendios, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez empezará coa retirada de madeira non comercial e a mellora de infraestruturas como pistas e cunetas. Para estas actuacións hai un orzamento de arredor de 4 millóns de euros a executar ao longo deste ano 2018 en toda Galicia.

Os traballos realizados xa no último trimestre de 2017 centráronse fundamentalmente en labores de control da erosión do chan, a través do acolchado de palla nas zonas máis afectadas que así o requirían, a construción de faxinadas de madeira e barreiras filtrantes para impedir posibles desprendementos ou escorreduras. Todas estas accións leváronse a cabo por técnicos expertos que analizaron detalladamente o terreo e estudaron onde era necesario intervir, xa que os danos non son xeneralizados. Así, existen zonas onde o lume non ocasionou grandes afeccións na cuberta vexetal do solo debido á rapidez coa que se espallou o incendio, que só danou as copas das árbores. En canto á sanidade vexetal, no 2017 empezouse tamén coa trituración de madeira queimada e agora será un dos puntos principais a reforzar no presente exercicio.

Na provincia de Pontevedra traballouse nos municipios de As Neves, Ponteareas, Mos, A Guarda, O Rosal, Caldas de Reis, Salvaterra de Miño, Vigo, Nigrán, Gondomar e Silleda. En todos eles rexistrouse algún incendio que afectou unha superficie superior ás 300 hectáreas, de aí que sexan prioritarios nas accións a levar a cabo polo departamento autonómico.

A consellería tamén procedeu á reparación de cunetas e do firme de pistas en algo máis de 77.000 metros lineais dos 88.360 m previstos. Así mesmo, colocáronse máis de 7.000 metros lineais de barreiras filtrantes e faxinas e actuouse en 226 hectáreas coa técnica do mulching, que consiste no acolchado de palla para evitar posibles arrastres de cinzas.

Por último, xa se retirou a madeira queimada de 23 hectáreas, aínda que a previsión é que chegue a unhas 300 ha. A maior parte delas están localizadas no concello de Ponteareas.

Orzamento

O orzamento previsto para accións de consolidación de solos e restauración de zonas queimadas afectadas pola vaga de lumes de outubro foi de 7 millóns de euros. Déuselle prioridade aos 32 lumes de máis de 300 hectáreas que houbo ao longo de 2017 e, nunha segunda fase, naqueles lugares onde se considere preciso actuar.

Pola súa parte, o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente destina outros 4 millóns de euros para accións de recuperación nos montes galegos. Actualmente, o departamento galego está a manter conversas co Goberno central para coordinar os traballos a desenvolver, co fin de unir sinerxías e reforzar as actuacións sen solaparse.

Data de actualización: 13/01/2018