O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou hoxe aos rapaces e rapazas usuarios do centro de menores San José de Calasanz
A Xunta mantén entre as súas prioridades a atención aos menores en situación ou risco de desprotección

A Administración autonómica destina este ano na zona da Coruña un total de 3,7 millóns de euros aos recursos que forman parte da rede galega de centros de menores

O responsable da área social do Goberno galego sinala que o obxectivo “é que a vida dos menores que por diferentes circunstancias teñen que recorrer a calquera dos recursos de atención sexa a máis semellante á que poden levar en calquera fogar”

A Coruña, 12 de xaneiro de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta tarde o centro de menores San José de Calanz. O obxectivo da visita foi o de desexar un feliz ano aos rapaces e rapazas do centro no marco da tradicional celebración do Día de Reis, ao tempo que se lles facía entrega dunha mochila como agasallo.

En declaracións aos medios de comunicación, o conselleiro asegurou que “un dos maiores compromisos do Goberno galego é o coidado, a atención e a axuda ao desenvolvemento persoal dos menores e adolescentes, en especial daqueles máis vulnerables por risco de desprotección ou porque están a atravesar unha situación complicada no seu contorno familiar”.

Rey Varela enmarcou nesta finalidade o reforzo orzamentario das partidas económicas destinadas aos recursos que forman parte da rede galega de centros de menores, da que forma parte este equipamento coruñés con 40 prazas de atención diúrna e residencial. De feito, o Goberno galego destina este ano 3,7 millóns de euros aos servizos de menores existentes na Coruña.

Ademais, o titular de Política Social salientou que Galicia conta cun amplo sistema de protección de menores, que comprende intervencións no propio núcleo familiar para resolver situacións conflitivas, programas de acollemento familiar, adopcións ou centros de menores. “O obxectivo é que a vida dos menores que por diferentes circunstancias teñen que recorrer a calquera dos nosos recursos de atención sexa a máis semellante á que poden levar en calquera fogar”, apuntou.

Neste sentido, Rey Varela enxalzou o traballo dos equipos profesionais que desenvolven a súa actividade nestes centros xa que “realizan a función máis parecida posible a unha familia xa que neles se desenvolven todas as atencións propias dun contorno familiar”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/01/2018